Microsoft vén de anunciar a dispoñibilidade do seu servizo Dynamics CRM Online. Trátase dunha ferramenta propia dos novos tempos, ou sexa, unha ferramenta na nube. Isto significa entre outras cousas que terémola na Rede, ao alcance da man alá onde vaiamos, e sen que sexan precisas novas adquisicións de hardware ou software. En definitiva: que coa computación na nube (nada novo, por outra parte) delegamos na Rede cousas que se facían en casa. O servizo iría dirixida a axudarnos cunha boa parte dos procesos seguidos nunha empresa para acadar niveis máis altos de produtividade, especialmente nas divisións de vendas, servizos e promoción.
Polo que respecta á versión Dynamics CRM 2011 para ser instalada polo cliente nos seus propios sistemas estará dispoñible no mes de abril en todo o mundo, informa Microsoft. Máis polo miúdo, en 40 países e 41 idiomas, incluíndo o galego, o catalán, o éuscaro e máis o castelán.
Arestora xa podemos afondar na versión de proba que habilitou Microsoft, unha versión de balde. O prezo de Microsoft Dynamics CRM Online é de 31 euros por usuario e mes, durante o primeiro ano de servizo, “para aqueles clientes que contraten o servizo antes do 30 de xuño de 2011”, infórmase dende a multinacional de Windows.
Polo que se refire ás súas características fundamentais, nun plano concreto, dicir que segundo indica Microsoft trátase dunha ferramenta doada de usar e accesible (dirixida a usuarios das divisións de vendas, servizos e promoción, accesible a través do navegador e do móbil) e intelixente (reflectindo as novas tendencias de Business Intelligence ao servizo de rendemento e a optimización dos procesos das empresas, e achegando información crítica actualizada para traballar de xeito eficaz).
A día de hoxe, estímase que máis de 11.500 clientes e 2.000 socios tiveron a oportunidade de probar a beta de Microsoft Dynamics CRM 2011.
Microsoft lanza en España a versión na nube de Dynamics CRM
Compartir Este Artigo
