
O mestre de cerimonias do evento foi Jonathan Ross, un extravagante presentador británico de televisión e radio, quen deu paso a Laurent Fischer, o director de marketing de Nintendo para Europa, encargado de repasar as especificacións da única consola portátil do mercado capaz de reproducir 3D, asegurando que a súa compañía vai repetir as revolucións da pantalla táctil da Nintendo DS e o mando da Wii coa achega das 3D nesta nova consola.

Entre as características máis revolucionarias da Nintendo 3DS está StreetPass, un sistema de comunicación sen fíos que intercambiará certa información da nosa consola con outras que estean preto sen ter que ter un xogo cargado na consola nin estar xogando. Tamén a relación coa comunidade de usuarios da 3DS será máis doada que nas actuais consolas de Nintendo (existirán códigos amigo asociados a cada consola e non a cada xogo como ata o momento).
No que a videoxogos se refire, o primeiro do que falaron foi Super Street Fighter IV 3DS, do que Yoshinori Ono,produtor do mesmo, fixo distintos comentarios intentando ser gracioso en excesivas ocasións, e dando a coñecer poucos detalles do seu título: terá 35 loitadores e contará cun novo modo Versus que aproveitará as funcionalidades de StreetPass.

Os representantes de Konami no evento, tras destacar a experiencia estereoscópica sen lentes presentaron o trailer do Pro Evolution Soccer 2011 3D, que promete ser o primeiro grande xogo de fútbol para esta plataforma, do que xa tiñamos información a través da súa versión nipona (Winning Eleven 3DSoccer). O xogo supón unha impresionante evolución con respecto ás actuais entregas para a Nintendo DS, achegándose graficamente ao que podemos ver na PSP.

Laurent Fischer volveu a escena para anunciar unha serie de títulos que chegarán á Nintendo 3DS coma Nintendogs + Cats, The Legend of Zelda: Occarina of Time 3D e Kid Icarus: Uprising, para mencionar logo posibilidades da 3DS coma tomar fotografías (que facilitan a creación de Miis), facer uso da realidade aumentada ou levar un historial da nosa actividade diaria (a consola pode almacenar os pasos que da o usuario coma se fose un podómetro intelixente).

Vídeo cos xogos presentados durante o evento
Pese a non anunciarse oficialmente o seu prezo durante o evento de Amsterdam, páxinas web como Amazon en Francia xa permiten encargar a Nintendo 3DS por 249 euros.
Vídeo co resume do evento

