O alcalde de Lugo, José López Orozco, anunciou estes días unha serie de melloras no seu blogue coa finalidade de estreitar un chisco máis o contacto coa veciñanza. O xefe do goberno local da cidade galega, un dos que máis pasos ten dado a prol de favorecer este xeito colectivo-persoal de facer cidadanía dixital (a súa bitácora está activa dende 2006), presentou estas melloras nunha rolda de prensa na que tamén participou Luísa Zarzuela, concelleira de Servizos Xerais, quen achegou un reconto do acadado no portal do Concello en 2010: case 800.000 usuarios e 4,8 millóns de consultas.
Volvendo ao blogue do alcalde, dicir que unha das melloras básicas consiste na súa conversión en videoblogue, co que se amplía a feitura das comunicacións dispoñibles cara ao audiovisual.
O caderno en liña, que se reactiva tras o parón obrigado polas reformas, non suporá custe algún sobre os orzamentos do Concello, indicou López Orozco, quen manifestou o seu convencemento no poder participativo e democrático das novas ferramentas 2.0, favorecendo o diálogo en condicións de igualdade.
E todo isto malia as inevitables incidencias que o mantemento dun blogue ao longo de tanto tempo (tempo relativo) achega de xeito inevitable. Toda esta aposta por reforzar o seu caderno persoal compleméntase xa coa presenza do alcalde nas redes sociais, como é o caso de Twitter, Facebook ou Flickr.
O alcalde de Lugo converte a súa bitácora persoal en videoblogue
Compartir Este Artigo
