O fenómeno de Twitter, Shit my dad says, traducido á nosa lingua como As parvadas do meu pai, do que falamos recentemente neste mesmo medio, fíxose agardar o xusto e chega hoxe ás librarías de toda España.
Esta publicación impresa, que naceu nos Estados Unidos a partir dun fenómeno virtual (concretamente xestado na rede social Twitter), chega ao noso país da man de RBA, e faino xusto na data que anunciou nun primeiro momento.
Nas súas páxinas, Justin Halpern, un mozo de 28 anos que se ve na obriga de retornar á casa dos seus pais logo de terse independizado, recolle as opinións e comentarios do seu proxenitor, un ancián xubilado con língua viperina que se permite o luxo de recordarlle ao fillo o desgraciada que é a súa vida cunha retranca desgarradora.
Son os mesmos comentarios que, ao longo de 2 anos, Halpern escribiu en Twitter, sen pensar daquela que chegaría a ser un dos perfís con máis seguidores da rede social: 1.800.000 en pouco tempo.
O proxecto publicouse en Estados Unidos en maio deste ano e xa na primeira semana encaramouse ao número 8 da listaxe dos máis vendidos de non ficción do New York Times, para, cinco semanas despois, converterse en número 1.
Agora chega ás tendas españolas baixo o título en castelán, Las chorradas de mi padre.
O libro do fenómeno de Twitter, Shit my dad says, chega hoxe ás tendas
Compartir Este Artigo

