Calquera que teña correo electrónico e que lle dea un uso alén do de figurar na tarxeta de presentación saberá que un dos meirandes castigos do cartafol de correo lixo (e da bandexa de entrada convencional, tamén) é a avalancha de convites a mercar fármacos milagrosos, prohibidos ou enleados de conseguir. A cousa é variada, pero case todo xira arredor de dous eixes fundamentais: o sexo (incluíndose viagra e alongamentos de pene) e as curas para adelgazar. Estes correos, que son un espello do que desexa a sociedade actual, constitúen a base da investigación Medicamentos por Internet: Fraude, vantaxe ou novo paradigma. O estudo, reflectido estes días pola prensa galega, advirte de que entre a metade e practicamente o 90% dos fármacos que se distribúen pola rede son falsos.
Este dato compleméntase coa porcentaxe estimada de medicinas adulteradas que están presentes a día de hoxe no mercado: arredor dun 10%, segundo a OMS, taxa que sube ata máis da metade en países en vieiro de desenvolvemento. Sinalar que nestes casos, as adulteracións implican a ausencia absoluta de aquilo que supostamente ten o fármaco de curativo. Polo tanto, sería como tomarnos a palla deixándonos un diñeiral polo gran. Polo que atinxe á venda de medicinas na rede, non é casual que as estrelas da tempada sexan aquelas que se dirixen a reducir o noso peso. A razón disto radica en que son máis necesarias ca nunca, tendo en conta a vaga de problemas de saúde que provoca e que a taxa de obesidade nunca estivo tan alta. O problema é que moi rara vez son eficaces, e menos os que se subministran a través da rede, imposibles de pescudar e avaliar. Estes e outros datos figuran no informe co que abrimos, elaborado ao abeiro do Comité Asesor Científico do Colexio de Médicos de Málaga, que aproveita para advertir dos moitos problemas que nos pode subministrar unha das prácticas sanitarias máis estendidas dos nosos días: a automedicación, favorecida máis que nunca polo tráfico na Internet.
A taxa de fármacos falsos na Rede pode chegar ao 90%
Compartir Este Artigo
