
Para Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta, que é o organismo encargado de desenvolver esta tecnoloxía no noso país, “é un xeito de ofrecer á cidadanía e ás empresas uns servizos públicos máis eficientes e próximos mediante a utilización das tecnoloxías da información”, e isto, segundo sostén, “é un dos obxectivos prioritarios do actual Goberno que o leva a cabo a través da Axenda Dixital 2014.gal”.
Para a titular de Modernización, “resulta imprescindible xerar confianza nas relacións electrónicas entre os cidadáns, as empresas e as administracións a través de sistemas de acreditación como a sinatura dixital, que permite verificar a identidade das persoas con idéntico valor que a sinatura manuscrita”.
Xa que logo, no marco da Xornada Construíndo Identidade Dixital, inaugurada esta mesma mañá, o organismo público que representa Pereira participa, xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), na presentación dun estudo que aborda a situación actual da sinatura electrónica e das entidades de certificación.
A Xornada, que se está a celebrar na EGAP, reune a un amplo número de expertos para abordar a sinatura electrónica desde diferentes puntos de vista, dende o dos prestadores de servizos, a administración electrónica e os servizos de certificación dixital ata o da seguridade, entre outros.
Nela, os relatores das distintas mesas redondas analizarán o estudo Construíndo a Identidade Dixital, publicado polo CPEIG en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e que está dispoñible para a súa descarga de balde na web do Colexio.
A publicación debulla elementos fundamentais como o DNI electrónico, os principais prestadores de servizos existentes en España, os servizos ofrecidos en relación a esta nova modalidade de firma e a fundamental relación que se establece en torno á administración electrónica.
Abórdase ademais un pequeno repaso sobre cuestións legais así como a principal normativa existente que afecta á materia.
Durante a inauguración do acto, Mar Pereira destacou que “Galicia é a terceira comunidade autónoma con maior uso da eAdministración” e engadiu que “desde o Goberno galego e as distintas administracións debemos impulsar o uso e aproveitamento das TIC e facer que o cidadán desenvolva unha cultura dixital e adquira seguridade e confianza no seu uso.”
Pola súa banda, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, que acompañou a Pereira no labor de dar a benvida ás persoas asistentes, sinalou que “no novo contexto tecnolóxico a enxeñaría en informática toma cada vez máis relevancia tanto á hora de estender o coñecemento da lexislación asociada (Firma electrónica, Protección de datos, propiedade intelectual, comercio electrónico, etc.), como na implantación e desenvolvemento dos novos sistemas e tecnoloxías da información”.
Suárez apuntou, asemade, “que a crecente complexidade destes fai necesario apoiarse na utilización de ferramentas, normativas e unha metodoloxía de traballo para poder abordar de modo continuo as novas necesidades e servizos existentes”. É aí onde, segundo Fernando Suárez “os enxeñeiros e enxeñeiras en informática teremos un papel protagonista nos próximos anos”.
Expertos en TIC danse cita en Compostela para construír unha identidade dixital
Compartir Este Artigo

