Quen máis quen menos, sabe que hai unha cousa que se chama enerxía e que non tódalas enerxías son iguais (canto máis natural e renovable, mellor) e que non tódolos usos que lles deamos son idénticos. A maiores, resulta que hai unha cousa que se chama factura da luz, e todo indica a que vai pesar máis ca unha lousa este ano, polo que a busca de métodos para aforrar enerxía debería estar máis viva ca nunca. Segundo nos conta o centro galego Gradiant (que traballa en diferentes recursos para a medida do subministro eléctrico e para un rendemento óptimo das empresas), o eido tecnolóxico-dixital ten unha serie de servizos de primeira liña para sermos máis sustentables e respectuosos coa natureza á par que coa nosa economía. O primeiro que hai que facer é concienciármonos.
Só deste xeito, camiñando, poderemos dar o seguinte paso: correr. Logo disto, un bo xeito de comezar é avaliar o que nos ofrece o mercado en materia de medidores domésticos de consumo, trebellos que poden monotorizar o fluxo de corrente cara ao fogar o a un sistema eléctrico e achegarnos unha serie de valores. Un exemplo desta tecnoloxía, sinala Gradiant, é a que vén da man de Plogg, ou ben os compatibles coa interfaz web de Google Power Meter. Os dispositivos teñen potencial a nivel de usuario de a pé, pero se cadra achegan o seu do de peito no eido industrial cunha chea de posibilidades na lectura automatizada de contadores. Dito doutra maneira: estes sistemas contribuirían a evitar que unha empresa estragase máis enerxía da que precisa, axustando o consumo á demanda dunha actividade concreta e axustando a produción. Segundo apunta Gradiant, avanzando unha serie de liñas estratéxicas nas que traballa e que agardamos se materialicen en breve en ferramentas concretas, sería posible obter resultados moito mellores se se puideran obter “os datos de consumo en tempo real, co que se respondería de xeito máis eficaz ante picos na demanda, empregando o que se coñece como demand-response”.
Gradiant informa de diferentes tecnoloxías para controlar o consumo enerxético
Compartir Este Artigo
