Os responsables de marketing do xornal La Voz de Galicia, sabedores de que as pautas de consumo de información dos seus lectores cambiaron considerablemente nos últimos anos e que agora pasan por demandar novas cunha inmediatez que só se consigue a través do uso de dispositivos conectados permanentemente á Rede, veñen de apostar polos netbooks para premiar a fidelidade dos seus lectores.
Segundo informan na súa web, a partir deste domingo, 30 de xaneiro, distribuirán de balde unha cartilla que posteriormente, para poder optar ao netbook Prixton Smart P1282, deberase encher cos cupóns que publiquen de luns a vernes durante as dúas semanas seguintes.
Trátase dun Netbook de Prixton que se pon a disposición dos seus lectores por 79 euros e máis a cartilla cos dez cupóns entregados co xornal.
O Netbook Prixton Smart P1282 é, segundo informan, “unha resposta eficaz da industria informática ás necesidades de inmediatez dos usuarios”. Mide 21,3 cm de lonxitude e pesa 650 gramos co cal pódese gardar no bolso ou mesmo nun peto grande para sacalo e consultar datos onde se dispoña duns minutos de tempo libre e de conexión a Internet.
Dispón de batería de litio con catro horas de autonomía e conexión Wi-Fi (aparte de LAN) que facilitan a conexión e o traballo en calquera lugar.
Asemade, conta cunha pantalla de 7 polgadas TFT de alta resolución, memoria RAM de 128 Mb e disco duro de 2 Gb.
Segundo afirman os responsables da iniciativa, “o prezo no mercado deste trebello é de 249 euros”, co que supón unha oportunidade interesante para facernos co noso propio Netbook e levar o traballo, non só á casa, senón tamén aos centros de ocio e entretemento.
La Voz premia a fidelidade dos seus lectores cun netbook
Compartir Este Artigo

