
Xa que logo, dende hoxe o espazo Abalar conta cun novo lugar para aqueles docentes que sexan titores dalgún grupo de alumnos matriculados nun centro Abalar e increméntanse as funcionalidades dispoñibles ás que teñen acceso os pais e nais destas alumnas e alumnos. Asemade, estase a incrementar de forma continua o repositorio de contidos educativos dixitais, que actualmente conta con 640 recursos, e modificouse a páxina de inicio para ofrecer información puntual das novidades do Proxecto ABALAR.
De maneira concreta, o novo espazo Profesores permítelle aos docentes realizar o desenvolvemento de actividades de seguimento e control diarias dunha maneira doada e práctica e facilita o intercambio de información e a comunicación cos responsables dos alumnos, sempre que os centros habiliten o servizo previamente.
Entre outras cousas, a nova ferramenta permítelle aos profesores a consulta en liña dos seus datos persoais, permite levar a cabo un control dos xustificantes das faltas de asistencia enviados vía electrónica polos pais, nais e titores legais dos nenos, a xestión das citas de titoría e o envío de avisos xerais aos responsables dun grupo de alumnos ou incidencias personalizadas aos mesmos.
Por outra banda, a través do espazo Familias, os responsables dos rapaces e rapazas poderán realizar un seguimento máis exhaustivo da vida académica dos seus fillos, podendo acceder a información sobre materias que están cursando, as cualificacións académicas obtidas nas diferentes avaliacións, as faltas de asistencia ou o servizo de comedor e transporte de maneira virtual.
Asemade, as nais e os pais poderán xustificar as faltas de asistencia e solicitar citas de titoría en liña, así como coñecer as incidencias máis relevantes dos seus fillos e os avisos que afecten ao grupo de alumnos ao que pertenzan a través de notificacións enviadas polos titores dos mesmos. Sempre que os pais e nais o desexen, estes avisos serán recibidos por medio dun correo electrónico.
Adicionalmente, o espazoAbalar foi redeseñado e agora introduce unha nova pantalla de inicio na que os usuarios poderán estar ao tanto das últimas novas referidas ao Proxecto ABALAR e aos avances na integración das TIC na práctica educativa galega.
Tamén se publican nela os recursos dixitais máis actuais e relevantes incorporados ao repositorio, e ordénanse e clasifícanse os contidos do espazo Abalar dunha forma práctica para facilitar aos axentes a busca da información e dos servizos que precisen.
O departamento de Educación, xunto coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, xa están a traballar na terceira versión do espazoAbalar por tratarse dun proxecto que, segundo afirman, “precisa de actualizacións e enriquecementos periódicos”.
A nova versión do espazo Abalar permite a participación online das familias
Compartir Este Artigo

