Non todo o mundo está preparado para ter un vida sa e equilibrada nas novas redes de comunicación. Hainos que aplican nestas ferramentas o mesmo sentido común que lles impide dicir en público determinadas cousas, e hainos que definitivamente non aplican este tradicional filtro antispam ou ben nin sequera teñen unha boa versión descargada no cerebro. Se se dá a casualidade de que estes persoeiros son famosos, entón xa temos unha boa lea montada. Isto aconteceu os días pasados con Alejandro Sanz (que meteu a zoca comparando os nenos de África coas descargas), e agora volve pasar con David Bisbal, outro que tal baila (e nunca mellor dito). O caso é que Bisbal semella ter moito que dicir sobre a revolución popular que se está a desenvolver no Norte de África. Tal e como soltou no seu sitio en Twitter, “nunca se viron as pirámides de Exipto tan pouco transitadas, oxalá que axiña remate a revolta”.
A súa reflexión, que amosa unha clara inquietude polo futuro do pobo exipcio (farto de anos de ditadura imposta por Mubarak), tivo resposta inmediata entre os usuarios da dita rede social, que comezaron de contado a responderlle a mensaxe facendo brincadas sobre o que acontecería se o propio Bisbal acudise a estes países. Segundo reflicten medios galegos como El Progreso, a principal consecuencia de toda esta ela foi a posta en marcha dunha etiqueta, #turismobisbal, que pasou a ser en pouco tempo un dos temas estrelas do día. As achegas dos usuarios foron múltiples e variadas, e mesmo houbo quen cruzou, precisamente, as meteduras de zoca de ámbolos cantantes españois, ao xeito de “Dime o meu amigo Alejandro Sanz que vai pouca xente ás pirámides porque os exipcios descárganas ilegalmente”.
Perante este diálogo sen control, Bisbal quixo levar a cabo na Rede o que normalmente se fai na vida real, desaparecer dunha conversa. O problema que foi que ao borrar a súa achega quixo substituíla cunha resposta directa aos internautas (que logo tamén foi suprimida), polo que houbo aínda máis reaccións. Porén, quedaron certas pegadas da súa actitude.
Lea no Twitter por unha metedura de zoca de Bisbal
Compartir Este Artigo

