O software libre vén de converterse nun piar fundamental para a maioría das empresas e entidades públicas do noso país, que apostan polas aplicacións en código aberto para desenvolver a súa actividade profesional diaria.
Por algo a nosa é unha das Comunidades españolas con maior proporción de empresas que instalan e desenvolven software libre e tamén onde as aplicacións en código aberto supoñen unha oportunidade única para os profesionais das TIC que buscan o seu primeiro emprego.
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, sabedora da importancia que ten adquirido este tipo de software en Galicia, vén de anunciar que achegará un total de 120.000 euros para apoiar as actividades que, en materia de software libre e código de fontes abertas (FLOSS), se leven a cabo nas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo
Con este financiamento, o departamento autonómico contribúe á consolidación de proxectos que se están a desenvolver desde as Oficinas de Software Libre (OSL) universitarias e promove a posta en marcha de nova iniciativas para a promoción do FLOSS en Galicia.
Segundo se recolle nun convenio subscrito polas tres universidades e a Secretaría Xeral, o departamento autonómico subvencionará con 40.000 euros a realización de diferentes actividades en materia de software libre en cada unha das tres institucións educativas, que se resumen nas que seguen:
Avances de Ubuntu en Santiago
Na Universidade de Santiago o acordo posibilitará a implantación de programas libres nun 50 por cento da Rede de Aulas de informática. Ademais, continuarase instalando o programa arranque dual con Ubuntu-USC de xeito que, polo menos, cada centro conte cunha aula con este sistema en 2011.
O mantemento e actualización de Ubuntu é outra das actuacións que contempla o acordo, así como a tradución ao galego de programas como Ghome, Ubuntu e Mozilla, inciada en 2010.
Os cursos e obradoiros completarán a actividade subvencionada en Compostela.
Oficina móbil na Coruña
Entre as novas actuacións que se desenvolverán este ano na Universidade da Coruña destaca a posta en marcha da Oficina de Software Libre móbil, que consistirá en achegar os servizos propios da OSL aos usuarios en cadanseus centros. Tamén se creará unha aula de formación libre dirixida a persoas con escasos ou nulos coñecementos sobre software libre, que estarán abertos a calquera usuario, independentemente de que sexa membro da UDC. Ademais, completarase o proceso de migración a software libre nos postos base da administración da Universidade coruñesa.
Asemade, celebraranse dúas novas edicións das Install Part en abril e outubro así como distintas xornadas de difusión e coñecemento do software libre.
Voluntarios e obradoiros en Vigo
Por último, a Oficina de Software Libre da Universidade de Vigo creará este ano unha nova figura denominada Voluntario libre, que achegará información das actividades da OSL aos distintos centros da universidade.
Outra das novas accións previstas é un obradoiro de desenvolvemento competitivo con software libre . e, continuando co realizado o ano pasado, a Universidade olívica destinará a achega da Secretaría Xeral ao mantemento e actualización dos contidos da súa web así como á creación de 40 pílulas docentes sobre aplicativos de temáticas empresariais, e de grupos de profesores que realicen actividades en común sobre materias de software libre.
Tamén prevé a celebración da Xornada de traballo Días MáisQueLibres en cada centro ou grupo de centros afíns á Universidade para difundir o software libre e o código de fontes abertas, que o ano pasado tiveron lugar en 9 centros da Universidade.
Cabe cita, para concluir, a celebración dunhas xornadas empresariais sobre solucións libres para que as empresas expoñan a súa visión das TICs libres.

