
Con este proxecto, conseguíronse superar os límites que lles son propios aos certificados dixitais de identidade (como por exemplo o eDNI) como métodos para encarnar á persoa que asina. A clave estivo na construción dun sistema estable baseado en certificados dixitais de atributos e selado temporal (timestamps). As aplicacións disto son múltiples e diversas, pero se cadra na nube (co que ten de macrooficina de traballo e comunicación accesible a calquera hora e dende calquera lugar) demandábase especialmente. Segundo nos conta o CESGA, “este sistema senta os alicerces para establecer e controlar con garantías acordos de nivel servizo, SLAs (Service Level Agreements) entre un provedor de infraestruturas de computación na nube e un cliente que demande estes servizos”.
Entre as vantaxes que pon en xogo e que probablemente non achegue ningunha outra plataforma inclúese a súa vertente de recurso universal. É dicir, que se pode aplicar a todo o que se poida demandar na nube en remoto e que requira ou poida requirir un contrato de por medio. De feito, tal e como dixemos ao comezo deste artigo, ata o de agora a garantía en servizos de infraestruturas de computación estaba baseada unicamente na confianza entre o provedor e o usuario, segundo os termos do contrato definidos polos SLAs. Porén, o desenvolvemento de Aldaba pon a solidez desexada no recoñecemento dunha orixe autorizada pola entidade clienta “grazas á incorporación da asignación de certificados de nota de prensa atributos, que establecen o rol que cada usuario xoga no sistema e a capacidade de solicitar determinados servizos segundo as políticas establecidas no acordo”, infórmase.
Co fin de establecer este acordo, déuselle corpo a unha metalinguaxe chamada xSLAml, que serve neste caso para informar das condicións que deben rexer o subministro do servizo do que vai ser obxecto o cliente da infraestrutura na nube.
Apoios
O desenvolvemento faise realidade cos mellores avais: por unha banda os dos axentes que traballaron na súa posta en marcha (que forman parte da vangarda da nosa investigación tecnolóxica e a nosa computación) e pola outra os de entidades como a Secretaría de Estado de Telecomunicacións do Ministerio de Industria. De feito, o proxecto do que estamos a falar forma parte das iniciativas seleccionadas no marco da edición 2009 do Plan Avanza, xa que “promove directamente a participación industrial española na construción da Internet do Futuro, permitindo a unha empresa, ALDABA, en estreita colaboración cun grupo de investigación punteiro dunha universidade, GTI, desenvolver novos produtos e servizos cun elevado compoñente TIC na vangarda da tecnoloxía do Cloud Computing e da Web 2.0 (Internet dos Servizos)”.
A xuízo de José Antonio Castelao, un dos socios de ALDABA, e segundo recolle o CESGA, “a devandita colaboración universidade-empresa-centro tecnolóxico xera un ecosistema idóneo para testar proxectos de investigación, facilitando a transferencia de coñecemento á industria”.
O funcionamento
Segundo informa na súa web a Universidade de Vigo, da que forma parte o Grupo GTI, co www:SLA@cloud garántese a demanda de servizo ao cliente a través dunha lóxica de control baseada no paradigma RBAC para avaliar a solicitude en tempo real e de construír baixo demanda os recursos solicitados, como máquinas virtuais ou espazo de almacenamento. Ademais establecerase un control de calidade asinado dixitalmente con selos temporais para garantir o correcto cumprimento e informar de calquera desviación.
A galega Aldaba fortalece a nube cun innovador sistema de certificación
Compartir Este Artigo
