O Colexio de Educadoras e Educadores Socias de Galicia, do que falamos hai unhas semanas para dar conta da súa nova vida dixital, está estes días de celebración. De feito, cumpre dez anos de actividade, e que mellor cousa para conmemoralo que cinguir na mesma actividade o pulo á profesión, o sentido do humor e as novas tecnoloxías? Estes son algúns dos piares sobre os que se apoia a obra Educador Social en Alasca (chiscada do autor Sera Sánchez á serie de TV de semellante nome) que o colexio de Educación Social programou para este venres 11 de febreiro con motivo do dito aniversario. Dáse a casualidade de que a peza teatral en cuestión non tivo o xermolo nun libreto, seguindo o modelo clásico de adaptación, senón nun blog.
A obra, representada por Factoría Los Sánchez, pon en escena a bitácora do mesmo nome, un dos grandes éxitos do panorama blogosférico estatal e que entre outras cousas relata a vida dun educador social a través dunha serie de entrevistas, por outra banda ferramenta fundamental dun educador. Dáse a circunstancia de que Educador Social en Alasca, Premio Retines do Collegi d´Educadores e Educadors de Catalunya, é un bo exemplo da tendencia creativa que máis pulo está a recibir coas redes participativas: a de pedir a colaboración dos internautas. De feito, cóntase, para a preparación do blog que lle serve de alicerce, a comunidade de seareiras e seareiros tivo a oportunidade de escoller algunhas das entradas preferidas que aparecen na representación.
O evento, que organiza o CEESG en colaboración coa Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, terá lugar xusto despois da celebración da asemblea xeral ordinaria e das eleccións á xunta de goberno do Colexio, como parte da celebración do seu aniversario, que cumpre dez anos de traxectoria. Ou sexa, a partir das 20.30 horas na sede Arteria Noroeste, no número 2 da Rúa Salvadas de Santiago. A entrada será de balde sendo preciso reservar localidade.
O CEESG trae a Santiago unha obra de teatro creada a raíz dun blog participativo
Compartir Este Artigo
