Logo do éxito acadado no curso 2010, o Parque Tecnolóxico de Galicia, situado en San Cibrao das Viñas, decidiu darlle continuidade ás súas Aulas Tecnópole de formación e vén de estrear o novo curso 2011 para dar acollida aos alumnos e alumnas de toda a provincia de Ourense interesados en desenvolver as súas propias ideas e proxectos.
As Aulas Tecnópole, que botaron a andar o pasado ano co proxecto piloto Aulas IDI, veñen reforzadas nesta edición con espazo para acoller ao dobre de estudantes e con novos contactos con empresas e centros tecnolóxicos nos que o alumnado pode colaborar para desenvolver os seus proxectos de calquera área de coñecemento, dende as novas tecnoloxías e a informática ata as ciencias ou as humanidades.
O Centro viuse na obriga de incrementar a súa oferta ao comprobar a elevada demanda existente por parte dos centros escolares da provincia, o que demostra o nivel de éxito que acadou a iniciativa e o prestixio co que conta o Parque Empresarial neste intre.
Durante o curso, os estudantes participantes trasladaranse unha tarde por semana ata a Tecnópole onde poderán desenvolver os seus propios proxectos e ideas coa axuda dun equipo de formadores con ampla experiencia no desenvolvemento de programas deste tipo.
Asemade, os participantes recibirán formación sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa e a estrutura que debe ter a memoria escrita na que se recolla o proxecto.
A presentación de proxectos, que tivo lugar a tarde do xoves, acompañouse de demostracións científicas con formato espectáculo e dunha visita guiada polas instalacións da Tecnópole.
Entre os proxectos que se levarán a cabo, destaca a construcción dun radiotelescopio para o estudo do planeta Xúpiter a partir dun kit educativo da NASA, que permitirá “escoitar”as tormentas do planeta e compartir a información obtida con estudantes de todo mundo.
Tamén cabe destacar a creación dunha aplicación para móbil orientada a mozos e mozas, que desenvolverá un dos equipos participantes a partir dun intuitivo sistema de programación de Google.
A iniciativa, que ten unha ampla presenza na Rede a través dun blog de seu e contas en Facebook e Twitter, enmárcase no programa de divulgación da ciencia e da innovación que a Tecnópole leva a cabo dende os seu inicios para achegar a súa actividade á sociedade e espertar vocacións científicas entre os máis mozos.
Os participantes no curso terán ocasión de presentar os seus proxectos na Galiciencia, a feira científica e de innovación que organiza a Tecnópole con motivo da Semana da Ciencia, e noutros certames estatais, como Jóvenes Investigadores do Ministerio de Ciencia e Innovación, e internacionais, coma o Junior Water Prize.
As Aulas Tecnópole estrean o curso 2011 con novos proxectos TIC
Compartir Este Artigo

