
O gran obxectivo destas xornadas é permitir o meirande fluxo de información entre os especialistas en privacidade en liña que participen nos relatorios e máis os estudantes, docentes e profesionais das TIC que se inscriban nos encontros. Por certo que a día de hoxe son máis de 300 as persoas que formalizaron a inscrición.
Segundo informa a Universidade da Coruña, no transcurso das xuntanzas os expertos en TIC impartirán charlas sobre as máis diversas cuestións ligadas á seguridade en liña, para moitos “unha arte misteriosa”. Persoeiros do acceso aos novos escenarios dixitais como Chema Alonso (ligado a Informática 64) tratarán de desvelar o máximo número de segredos, “centrando a súa atención en diferentes aspectos da seguridade como poden ser implantacións, auditorías, formación e técnicas de hacking ético”, informa a Universidade. Por certo que a intervención de Alonso desenvolverase o día 25 a partir das 11.35 horas baixo o seguinte epígrafe: Adiante por favor: Default Passwords. Tamén participarán como relatores nestas xornadas expertos como Ángel Prado, Rubén Santamarta, Pedro Sánchez, Manuel Gesteiro, Roi Mallo, Diego Ferreiro, Raúl Benito, Gildas Avoine, Marcelo Rivero, Alejandro Ramos, Sherab Giovannini, Luciano Bello e Alfonso Muñoz. Todos eles, engaden fontes da Universidade, expertos de primeira liña a nivel nacional e internacional “que contribúen coa súa participación a elevar a estas xornadas ao nivel máximo de calidade e prestixio tanto no contorno académico como no profesional”.
Asemade, haberá obradoiros (para os que é preciso rexistrarse cun nick e un contrasinal na web das xornadas, que por desgraza só se nos achega en castelán, sen ofrecer versión en galego) sobre os métodos eficaces de acadar os contornos máis sólidos e eficaces de coñecemento. Máis polo miúdo, tanto nos relatorios como nos ditos talleres trataranse temas como os test de intrusión, a seguridade en Linux, a introdución á esteganografía, a enxeñaría inversa ou a análise forense en contornos Windows.
Amais de todo o devandito, o evento tamén dará acubillo a un concurso específico, o chamado “h4ckc0nt3st”, un certame de seguridade informática dirixido a pór de relevo as capacidades dos participantes á hora de enfrontarse a un desafío de coñecemento comprometido, superando probas e pondo en práctica diferentes prácticas tecnolóxicas. As persoas que desexen participar poderán facer a inscrición durante o propio evento.
Informática da UDC celebra os seus 25 anos cunhas macroxornadas sobre seguridade
Compartir Este Artigo
