De viaxar cara a algures, mellor facelo antes pola Rede. Esta é a premisa sobre a que se apoia a nova iniciativa tecnolóxica presentada esta semana pola Deputación de Lugo: un recurso dirixido a permitirlles aos turistas que se acheguen pola provincia (previamente á viaxe ou durante a mesma) navegar por un mapa das comarcas de Lugo obtendo datos útiles sobre que ver (patrimonio cultural e natural), onde comer, onde aloxarse, ou que emprazamentos de lecer visitar (rutas de sendeirismo ou marítimas, praias, coutos e áreas de pesca, festas, museos, oficinas de turismo, adegas, etc). A ferramenta, que se chama Sistema de Información Xeográfica (SIX) deLugo, foi presentada este mércores polo propio presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, quen quixo deixar claro que o servizo non se orienta unicamente á xente de fóra, senón tamén á veciñanza da provincia, igualmente interesada en coñecer, de primeira man, o potencial do seu lugar de procedencia. Máis polo miúdo, o potencial das tres Reservas da Biosfera e do Courel, eixes principais da proposta.
Segundo engadiu Gómez Besteiro, trátase do primeiro SIX sobre as devanditas paraxes naturais creado na nosa terra. O seu manexo é doado, e a información obtense de xeito intuitivo. O único que ten que facer o usuario é sobrevoar o mapa da provincia e clicar no espazo do mapa da provincia do que desexe obter máis datos. “O noso obxectivo”, sinalou o presidente da institución provincial “é difundir a riqueza e as empresas no territorio das tres Reservas da Biosfera (Terras do Miño, Os Ancares e Río Eo-Oscos-Terras de Burón) e do Courel, así como poñelas en valor como oportunidade económica que son”. A ferramenta precisou dun labor importante de documentación, programación e deseño. De feito, traballaron nela e durante meses un total de 14 persoas, entre informáticos, enxeñeiros en topografía e deseño. En palabras de Gómez Besteiro, o resultado é o “Google medioambiental da provincia”.
O navegador deLugo, accesible dende www.delugo.org e www.delugo.es, foi presentado no Centro de Interpretación Terras do Miño e contou coa asistencia do subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe, e o alcalde lucense, José López Orozco, ademais de 15 alcaldes máis das Reservas, así como representantes do mundo empresarial vinculado ó medio ambiente. A iniciativa acadou para o seu remate o 70% do financiamento da Unión Europea a través do programa Lugo2,. “O navegador xeográfico”, engade a Deputación, “estará en constante cambio e innovación, de xeito que ós contidos iniciais iranse sumando progresivamente outros de utilidade para o cidadán”. Trátase polo tanto unha ferramenta sen remate definido, aberta, participativa e interactiva en todo tipo de formatos. De feito, poderanse facer descargas de arquivos en dispositivos móbiles (teléfonos, PDA ou GPS). Arestora, é posible introducir nos nosos aparellos os datos de varias rutas de sendeirismo e do programa Km0.
En breve, informa a institución provincial, iranse engadindo outros contidos relativos a uns 130 novos itinerarios. Por certo que o XIS, amais de achegar cobertura para turistas e cidadáns, diríxese a dar acubillo a o meirande número de empresas da provincia, non só as ligadas de xeito estreito ao turismo. Segundo a Deputación, estariamos a falar dunha potente ferramenta de promoción para as mesmas, e máis aínda se temos en conta que darse de alta no buscador é de balde. A día de hoxe, xa hai máis de 200 firmas colaboradoras. Para anunciármonos, só teremos que acudir ao apartado LugoEmpresa e rexistrarnos como novos usuarios.
DeLugo: navegador xeográfico para promover as xoias naturais e culturais da provincia
Compartir Este Artigo
