Tecnocom, unha empresa con forte presenza de profesionais da nosa terra (procedentes de Softgal, na súa meirande parte, agora integrada en Tecnocom), vén de obter un importante recoñecemento a nivel nacional pola súa aposta de calidade nos seus servizos tecnolóxicos e de consultoría TIC. O recoñecemento veu da man de SAP España, que celebrou este 15 de febreiro en Madrid a súa reunión anual de socios, unha xuntanza que deu acubillo a máis de 200 profesionais.
No transcurso do encontro, os directivos de SAP fixeron un percorrido polos froitos máis salientables dos seus socios de canle durante o pasado ano, ao tempo que avanzaron algunhas das liñas a seguir en 2011. Asemade, resolveu os seus Premios á Excelencia, dirixidos a identificar o máis destacado da produción TIC dos seus partners e, asemade, as mellores estratexias para comercializar solucións para empresas de SAP. Na categoría SAP All-in-One, a empresa decidiu premiar a Tecnocom Servizos e Aplicacións, pola “mellor xestión de calidade e satisfaccións aos clientes”, sinalou. Asemade, engadiu, Tecnocom é o socio con mellor resultado na enquisa de satisfacción de usuarios, e acadou a certificación AQM de Active Quality Managenment “que acredita a súa aliñación cos principios de calidade de SAP nos procesos de venda e soporte”.
Tecnocom, con sedes na Coruña, Vigo ou Santiago, é unha multinacional española que centra unha boa parte da súa actividade nas tecnoloxías da información, sector que encabeza a nivel estatal en materia de ingresos (arredor de 400 millóns). Máis polo miúdo, a empresa (que é socia de Ineo) ten unha ampla experiencia en operacións “de elevado nivel tecnolóxico”, como medios de pago bancarios ou sistemas de automatización.
Tecnocom obtén de mans de SAP un premio á calidade dos seus servizos
Compartir Este Artigo
