O persoal da Xunta e dos nosos centros educativos conta xa cun servizo en liña para facilitarlle o emprego cotián do galego no seu contorno laboral. A ferramenta, froito da colaboración entre o Goberno galego a Ir Indo Edicións, en realidade é dupla. De feito, trátase dun sistema que posibilita a consulta de Digalego (dicionario en liña de galego do que xa temos falado nesta web, con motivo das melloras imprimidas no seu seo ou da súa frutífera alianza con Xornal.com) e da Enciclopedia Galega Universal (EGU), unha achega dixital de coñecemento dirixida por Bieito Ledo (director de Ir Indo) e que vai encamiñada a ofrecer nunha soa web toda a información posible referente ao coñecemento universal e na nosa lingua.
A novidade radica na universalización destas dúas ferramentas dentro do contorno da Xunta, posto que ata o de agora ámbolos dous recursos tiñan acceso restrinxido. O propio Bieito Ledo, xunto co conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e a secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, explicou este martes o alcance deste acordo.
Respecto a Digalego, salientaron as posibilidades que ofrece para permitir a consulta directa da nosa lingua, da que xa se benefician o persoal e alumnado de todos os centros de ensino non universitario de Galicia, públicos e concertados, así como os profesionais ao servizo da Administración autonómica. Por outra banda, engaden, o achegamento da EGU en liña posibilitará unha información “máis completa e actualizada da nosa cultura, coa que se pretende facilitar o labor profesional e académico dos usuarios”. A parte de todo isto, engadiron, a convenio con Ir Indo é tamén salientable para toda a sociedade galega, “que xa pode consultar o significado das palabras que se recollen na información do portal web da Xunta; simplemente cun dobre clic na palabra, habilítase unha xanela na que se ofrece a definición do Digalego”.
Para o conselleiro de Educación, outra das grandes vantaxes destes recursos é que constitúen un importante apoio para o ensino e a aprendizaxe doutros idiomas, ao fornecer de equivalencias en portugués, castelán, inglés, francés, italiano, chinés e alemán. Para Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización, as achegas de Ir Indo amplían de xeito importante o potencial comunicativo e divulgador do portal da Xunta, emprazándoo máis preto da canle de información interactiva e permanente que se procura. “Este é o obxectivo da Administración electrónica, permitir un contacto constante e fluído cos cidadáns e garantir o seu dereito a comunicarse coas entidades públicas a través dos medios electrónicos”, comentou.
O persoal da Xunta poderá mellorar o seu galego grazas aos recursos en liña de Ir Indo
Compartir Este Artigo
