Lois Pereiro, anovador poeta monfortino falecido en 1996, xa ten espazo de seu na Rede. A páxina, unha achega de sinxela feitura, ten especial valor por servir de punto de información sobre a figura dun escritor sobre o que precisamente non abondan datos na Rede, se cadra polo seu carácter de autor da contracultura, se cadra porque a poesía en termos xenéricos non é nin será unha expresión maioritaria. Pereiro, que segundo fixo saber a Real Academia Galega será o vindeiro homenaxeado na festa das nosas letras, é o que de xeito común se coñece como un autor galego de culto e de vangarda, seguindo un pouco o ronsel deixado polo rianxeiro Manuel Antonio. A súa obra, sendo escasa, marcou un antes e un despois nas nosas letras.
A páxina web, como dixemos, aposta pola sinxeleza expositiva. Inclúense nela artigos recentes (como o que achega Víctor Echave sobre a figura do autor) e todo tipo de anotacións, vídeos sobre o poeta, artigos, recursos gráficos e traducións da súa obra, manuscritos e máis ligazóns a biografías (Biblioteca Virtual Galega e Galipedia). Asemade, inclúese entre outras cousas unha moi valiosa escolma fotográfica de Pereiro, con imaxes que veñen da man de Vari Caramés, Víctor Echave ou Xosé Abad.
En marcha a páxina do poeta Lois Pereiro, vindeiro homenaxeado na festa das Letras
Compartir Este Artigo

