A empresa galega Blusens vén de ampliar o abano de posibilidades do seu dispositivo web:tv, achegado recentemente ao mercado para levar Internet á televisión, entre outras utilidades. Segundo apunta a multinacional con centro de operacións en Santiago de Compostela, está xa dispoñible unha nova versión de firmware para o dito dispositivo, novidade que os usuarios actuais poderán instalar de xeito automático nos seus web.tv, conseguindo unha meirande funcionalidade e melloras significativas que son froito da participación directa dos clientes de Blusens no desenvolvemento.
Entre as melloras postas en xogo cómpre salientar a posibilidade de dispor de contido en descarga progresiva a través de aplicacións, melloras na resposta da interfaz e máis na reprodución de fotografías e vídeos de Internet.
Asemade, fornécese á comunidade de usuarios da posibilidade de acceso e control remoto do dispositivo. Isto, informa Blusens, conséguese mediante a incorporación de trebellos conectados, como teléfonos móbiles, “abrindo novas posibilidades de control e xestións dos medios usando o web.tv como hub multimedia que permite o acceso dende outros dispositivos como un tablet, un ordenador e un teléfono”.
A maiores disto, a empresa galega fixo saber de que xa está ao alcance da man dos clientes o Foro de Desenvolvedores (Apps Developers), habilitado para impulsar a creación de ferramentas e aplicacións externas para web.tv. Este emprazamento de participación directa ten o apoio do equipo de I+D da empresa e fornécelle á comunidade internauta da información precisa para dar comezo á creación dunha ferramenta específica para web.tv. O obxectivo da empresa de Santiago é achegar as condicións ideais para ampliar a participación da meirande cantidade de xente, pondo en marcha un punto de encontro e información e dando soporte ”mediante documentos, titoriais, guías e novas, e todo isto contando coa atención directa dos creadores do dispositivo”. Por certo que o soporte para web.tv ten espazo propio en Facebook.
O web:tv de Blusens incorpora xa descarga progresiva de contidos e control remoto
Compartir Este Artigo
