A agardada consola portátil Nintendo 3DS por fin é unha realidade, aínda que só no Xapón, ponde saíu esta fin de semana á venda, mentres que en Europa deberemos agardar ao 25 de marzo para poder facernos cunha destes atractivos trebellos con pantalla 3D que non precisa de lentes para o seu uso (aínda que o seu fabricante recomenda descansar 15 minutos por cada 30 minutos de xogo en 3D, para evitar fatigar a vista).
O lanzamento xaponés da nova portátil de Nintendo podería considerase todo un éxito se vemos as grandes colas que se formaron nas tendas que vendían o desexado dispositivo, pero o feito de que só puxeran en circulación 400.000 unidades rematou cunha inevitable consecuencia: esgotáronse no seu primeiro día á venda. Deste xeito o obxectivo de vender 1,5 millóns de unidades no Xapón antes do 31 de marzo (previsión que facía Nintendo para o trimestre fiscal) parece bastante razoable, agardando colocar nese mesmo período 4 millóns de unidades a nivel mundial.

Unha ollada en detalle
Agora que a consola xa non é un prototipo, e xa pode adquirirse nas tendas, pode analizarse o que inclúe a súa caixa e a súa aparencia exterior, polo que moitos son os blogs e páxinas web que detallan as características da Nintendo 3DS, o que segue a resultar incompleto para o consumidor, que ten que experimentar en primeira persoa a pantalla autoestereoscópica do dispositivos para facerse unha idea da experiencia de xogo que permitirá, así como outros usos que facilita (fotografía 3D, realidade aumentada…).
Vísta en detalle da Nintendo 3DS publicada por Kotaku
Os consellos de seguridade da Nintendo 3DS vense con certo humor por parte do público internacional

A sombra da piratería
Pese a que Nintendo asegura que a súa nova consola conta con fortes medidas anti-piratería (das que aínda sabemos pouco), o feito de que sexa retro-compatible, ou sexa, que permita o uso de xogos para a Nintendo DS, ten unha consecuencia difícil de evitar: os cartuchos que permiten cargar na DS xogos non orixinais coma os famosos R4 parecen ser compatibles coa 3DS.
Iso non quere dicir que os xogos de 3DS poidan copiarse, senón que, mentres non se actualice a consola, os xogos copiados de Nintendo DS van funcionar na Nintendo 3DS, o que non debería ser moi preocupante para a compañía nipona (pois nos vindeiros meses os grandes lanzamentos serán para a nova consola, quedando os vellos modelos paulatinamente abandonados polos desenvolvedores).
Demostración do funcionamento dun cartucho R4 nunha Nintendo 3DS

