A chegada da Nintendo 3DS ao mercado nipón leva consigo unha inevitable pregunta: ¿cal é o xogo que está a funcionar mellor do catálogo inicial da consola? Pois segundo parece é o popular Profesor Layton o que está a facerse co favor da meirande parte do público, superando aos Nintendogs + Cats, xa que Professor Layton and the Mask of Miracles conseguiu colocar 117.589 copias, o que é un éxito rotundo se temos en conta que o número de consolas nas que funciona este xogo non chega ás 400.000.
O máis rechamante do trunfo das novas aventuras do Profesor Layton na Nintendo 3DS é que este título non destaca polo uso das 3D, que é a principal característica da nova consola, algo que si fan varios dos títulos de lanzamento que non gozan de tan boa acollida.
A Nintendo 3DS vai chegar a Europa o 25 de marzo, e nese momento poderemos ver cómo reacciona o mercado, o que dificilmente coincidirá coa estrea no Xapón posto que os gustos occidentais son moi diferentes e o título de Layton en 3D non forma parte do catálogo inicial da consola no noso territorio. Non sería de sorprender que o PES 2011 3D fose o título de máis éxito en Europa, pois a boa acollida dos títulos de fútbol é habitual en Europa.
O Profesor Layton arrasa nas Nintendo 3DS niponas
Compartir Este Artigo

