O Goberno vén de publicar a convocatoria de axudas para o 2011 do seu Plan Avanza2, liña de apoios para o afianzamento das TIC que na nosa terra pode resultar unha boa oportunidade de impulso para as empresas do sector. A xuízo da asociación Ineo, por esta razón cómpre resolver tódalas dúbidas que poidan xurdir desta achega de axudas, que ficarán totalmente ao descuberto na sesión de workshop prevista para este xoves 3 de marzo no Pazo de San Roque de Vigo.
A xornada, promovida por Ineo, servirá entre outras cousas para expoñer as características técnicas das áreas e subprogramas que se inclúen nas subvencións. Asemade, traballarase de xeito práctico sobre as propostas que traian as empresas que sexan susceptibles de atopar apoio nestes fornecementos orzamentarios do Plan.
“Con estas sesións”, informa Ineo, “a asociación achégalles aos seus asociados un servizo de asesoramento e axuda para encamiñar ideas que poidan presentarse con éxito nas diferentes convocatorias de interese para as empresas TIC”.
Ineo convoca ás súas empresas para afondar nas novas axudas do Plan Avanza2
Compartir Este Artigo
