A empresa galega Dinahosting, con sede en Santiago, celebra os seus dez anos de vida polo alto. E nunca mellor dito, porque unha das actividades da súa xeira conmemorativa é a proposta Gravidade Cero, unha iniciativa que, como o seu nome indica, favorécenos a oportunidade de experimentar o que significa non ter peso. A proposta, un concurso para usuarios dos servizos da firma Dinahosting, vén de chegar á súa resolución, sendo os gañadores dous membros da Federación Provincial de ANPA de Centros Públicos de Pontevedra. En base a isto, terán a oportunidade de viaxar en Gravidade Cero e sumarse ao “exclusivo grupo de 1.500 persoas de todo o mundo que tiveron ata o de agora a oportunidade de experimentar a ingravidez tal e como os cosmonautas ao deixar atrás a atmosfera terrestre”, informa a empresa galega de dominios de Internet e hospedaxe de páxinas web.
O punto de partida será Moscova, cidade dende a que partirá o voo IL-76MDK, sendo a duración do itinerario de entre unha hora e media e dúas horas, trazando arredor de 15 parábolas. Máis en detalle, o avión parte dunha altura de seis mil metros e sube a toda potencia cun ángulo de 45 graos ata chegar a unha forza de 2G. “Nese intre”, informa a empresa galega, “e antes de que a tripulación se adapte a esa forza, quen pilota o Ilyushin 76 MDK procederá a inclinar a máquina á vez que lle resta potencia, momento no cal se produce o efecto de ingravidez”.
Xa hai gañadores para a viaxe ao espazo convocada por Dinahosting
Compartir Este Artigo
