O vindeiro venres vai presentarse oficialmente a Nintendo 3DS nun evento que terá lugar en Madrid, e mentres agardamos ao mesmo podemos ver que a consola está a ter moi boa acollida internacional, converténdose no Xapón na consola máis vendida do que vai de ano (pese a levar poucos días á venda) e recoñecendo o director de vendas de Nintendo en Reino Unido, Andy Yates, que xa teñen preto de 100.000 reservas para a nova portátil, o que sería a consola con maior número de reservas da historia da compañía, superando incluso á Wii.
Pero o éxito de vendas non é o único que se menciona sobre a consola, senón que tamén as súas proteccións anti-piratería están a dar moito que falar, pois é posible que a 3DS incorpore un sistema que rexistre cando un usuario empregue cartuchos piratas para xogar a títulos descargados de fontes non oficiais, de xeito que ao actualizar o firmware da consola esta podería bloquearse, segundo advirte un distribuidor xaponés na súa páxina web. Aínda que as medidas de protección da consola non deixan de ser rumores, parece que desta volta Nintendo vai tomar medidas moi drásticas para evitar que se repita a situación das distintas Nintendo DS, que foron masivamente pirateadas en moitos mercados onde incluso resultaba imposible bloquear a distribución de populares flashcarts por non seren considerados ilegais por si mesmos.
Preto de 100.000 unidades da Nintendo 3DS reservadas en Reino Unido
Compartir Este Artigo

