Karspersky Lab vén de presentar un novo informe-prognóstico acerca do que deixamos atrás e do que nos agarda en 2011 en materia de seguridade informática, ou, mellor dito en materia de ausencia de seguridade informática. A cousa non dá moita marxe para as sorpresas, quen máis quen menos sabe que os roubos dixitais sempre reproducen un pouco os roubos de toda a vida (onde hai moitas carteiras e se concentra moita xente, alí están), pero achega unha serie de datos que cómpre ter en conta. Por exemplo: que por primeira vez percibiuse unha caída sostida da porcentaxe de correo lixo. No reverso da moeda, sinalar que esta caída probablemente se deba a un proceso de depuración dos propios responsables do spam. É dicir, que o que temos agora, aínda que sexa menos, é moito máis perigoso.
Segundo apunta Karspersky, en 2010 a cantidade adxuntos maliciosos nas mensaxes de correo multiplicouse por 2,6. O repunte das mensaxes experimentouse en agosto, un intre en que os correos con adxuntos maliciosos abrangueron o 6,29% do tráfico de correo. Polo que respecta ao phishing, dicir que a cifra de mensaxes orientados á suplantación de persoas e entidades co fin de roubar cartos ou información, constituíu o 0,35% do tráfico total, o que representa un 0,51% menos có ano anterior (boa nova). A razón disto está en que cada vez hai menos xente que se fía dun correo supostamente emitido dende un banco, e con grallas de ortografía e demais erros, e xa ía sendo hora de caésemos na conta.
Polo que atinxe ás previsións para 2011, dicir que se agarda que permaneza intacta e mesmo se intensifique a teimosía dos ataques complexos que unen as tecnoloxías dos phishers, os spammers e a enxeñaría social. Polo tanto, teremos que agardar meirande especialización e un desenvolvemento dos correos lixo que confirma unha vez máis unha evolución paralela e complementaria á do resto da Rede. Ou sexa, que canto máis romaría no Facebook, máis coidadiño haberá que ter nela coas carteiras.
En 2011 os ataques na Rede gañarán en complexidade e en feitura social
Compartir Este Artigo
