Co principal obxectivo de promover a oferta de recursos didácticos curriculares na nosa lingua e facilitar así a aprendizaxe dos alumnos e alumnas galegas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de anunciar, a través do Diario Oficial de Galicia de onte, a posta en marcha dunhas axudas dirixidas á edición en galego de material didáctico curricular, tanto en formato dixital como impreso.
Estas axudas van dirixidas especificamente para niveis non universitarios, e inclúen, asemade, recursos didácticos complementarios, é dicir, aqueles materiais educativos que contribúan a afondar no coñecemento dos bloques temáticos recollidos nos currículos, “especialmente dos que se teñan que impartir en galego”, afirman dende a entidade pública.
As empresas mercantís do sector editorial interesadas en solicitar estas subvencións (que por certo ascenden a 400.000 euros) teñen de prazo ata o vindeiro día 7 de abril para pedilas, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos na devandita convocatoria.
A través desta iniciativa, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo busca “darlle pulo á oferta de material e novos recursos didácticos en galego que favorezan a aprendizaxe do alumnado na lingua propia de Galicia”, afirman.
As propostas poderán incluir, entre outras cousas, materiais para aulas virtuais (Programa Abalar), materiais específicos de atención á diversidade e programas de cualificación inicial e programas de diversidade curricular, educación infantil, áreas de impartición non obrigatoria en galego e materiais que estean destinados ao alumnado inmigrante e/ou que utilicen soportes audiovisuais.
Política Lingüística concede axudas para a elaboración de materiais educativos dixitais
Compartir Este Artigo

