O Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO) a través do seu Centro de Resposta a Incidentes de Seguridade da Información, INTECO-CERT, vén de superar a cifra de 10.000 virus analizados e catalogados na súa base de datos.
O proceso de recompilación de virus que leva a cabo esta entidade ten como principal obxectivo servir como fonte de apoio preventivo en materia de seguridade a particulares e empresas, especialmente ás pequenas e medianas empresas de todo o Estado.
A información sobre os virus identificados almacénase na base de datos da entidade e envíaselle de balde (por correo electrónico) aos usuarios interesados, a través de boletíns periódicos de seguridade, aos que se poden subscribir directamente na web de INTECO.
Cada semana, INTECO-CERT localiza e clasifica unha media de 12 códigos maliciosos, coa finalidade última de conseguir unha maior seguridade na Rede e asesorar aos usuarios sobre a maneira de protexerse das distintas ameazas que van xurdindo en Internet.
Sobre todo fai especial fincapé naqueles virus “que poidan ter un gran impacto na sociedade”, para os cales crea alertas específicas e avisos especiais con información adicional sobre os pasos para a súa eliminación no caso de ser infectados por eles.
Algúns dos virus máis destacados da última década polo danos que causaron (que están na base de datos da entidade) son: MyDoom, ILoveYou, Netsky (sobre todo a súa variante Netsky.P), Sasser e Blaster.
Pola súa parte, Stuxnet e Conficker son algúns dos máis recentes.
INTECO-CERT menciona, asemade, o virus Sevalcabor (roba claves ao reves), como exemplo de malware que foi detectado polo CATA no ano 2005, antes que os propios fabricantes antimalware.
INTECO supera os 10.000 virus informáticos documentados na súa base de datos
Compartir Este Artigo

