O vindeiro 22 de marzo, coincidindo coa presentación da guía de boas prácticas para a contratación TIC no eido público, a asociación empresarial Ineo celebra en Santiago un encontro profesional para integrantes da entidade destinado a afondar na convocatoria de axudas da Secretaría Xeral de Modernización para este ano 2011. Trátase dun Ineo Workshop, unha xuntanza emprazada na mesma liña que outras previas da asociación e que alentará, polo tanto, á participación activa dos socios no que a resolución de dúbidas e requerimentos de información se refire, sendo as ditas axudas da Xunta o eixe concreto desta actividade.
A sesión vaise desenvolver das 16.30 ás 18.30 horas na sede que a Confederación Empresarios da Coruña ten na rúa Eduardo Pondal de Santiago. Ao longo da xuntanza, ofreceráselles aos socios de Ineo todo tipo de respostas acerca das características técnicas da convocatoria, ademais de fornecelos dun ambiente de traballo propicio para a dinamización de ideas de proxecto que se poidan presentar. Nos vindeiros días, Ineo dará a coñecer o programa detallado das actividades ás que vai dar acubillo a sesión.
