A oitava edición do Festival de Cans, que este ano celébrase do 18 ao 21 de maio, chega á recta final do prazo aberto para a presentación de curtas e videoclips feitos na nosa terra. Así nolo conta a Asociación Cultural Arela, organizadora do certame na aldea do mesmo nome (en Porriño), que pecha este martes 15 o devandito prazo. A entidade, que está a ultimar os derradeiros detalles desta oitava edición, xa comezou a visualizar o material recibido dende a data de apertura da convocatoria, o 7 de febreiro. Este ano, por certo, entregaranse preto de 6.000 euros en galardóns, aos que cómpre engadir os Cans de Pedra, figuriñas co emblema do certame feitas polo canteiro local, Paco Candán.
Haberá nove premios en total: seis para curtametraxes (curtas de ficción e de animación), dous para videoclips e un premio honorífico. O certame ten este ano especial valor por partida dupla: en primeiro lugar por poñerse dende unha aldea do Porriño na primeira liña do audiovisual internacional e, en segundo lugar, por ser quen de sobrevivir e turrar para adiante perante unha panorama de axudas públicas ao cultural que semella reducirse a pasos axigantados. “Malia que a crise económica tamén afecta ao festival a nivel de apoios e patrocinios”, conta a organización, “Cans fai un esforzo para volver apoiar as curtas galegas coa dotación económica dos premios, pois son conscientes da súa importancia para apoiar o labor dos novos realizadores, que é obxectivo prioritario do Festival.”
O prazo para a presentación de obras ao Festival de Cans entra na recta final
Compartir Este Artigo
