Case con toda probabilidade haxa neste intre, mentres se le este texto, un bo número de profesionais das redes tentando solucionar un reto de mercado coa seguinte pregunta: “Como o faría Google?”. Así o entende a Asociación para o Progreso da Dirección, división Noroeste, que organizou este martes 15 en Santiago un encontro TIC dirixido a favorecer o intercambio de experiencias arredor desta cousa común que son os negocios en liña, nos que Google se segue a mover con soltura. Pois ben, co fin de atinar o máximo posible coas demandas de información dos nosos profesionais, APD Noroeste convidou ao Hostal dos Reis Católicos a Javier Rodríguez Zapatero, director xeral de Google España, quen resumiu en tres claves a súa mensaxe aos empresarios galegos. Contra todo prognóstico, Rodríguez Zapatero abriu a súa breve intervención situando a Compostela como un exemplo de innovación. Por que? Pois porque tantos séculos de historia detrás só se conseguen, aínda que sexa un paradoxo, a través da innovación.
O director xeral de Google, que ten unha longa experiencia nos negocios ligados ás novas tecnoloxías (desempeñou cargos executivos en Yahoo!, Jonhson Wax e Procter & Gamble), aproveitou a ocasión, e o título mesmo da súa intervención, para non recomendarlle a ninguén que tratase de seguir ao pé da letra o camiño de Google, entre outras cousas porque o buscador “fai as cousas á súa maneira”. Polo que respecta aos tres puntos clave que artellaron a súa intervención, dicir que o primeiro foi a revolución dixital e o seu papel na historia do mundo. Certamente, dixo, é un acontecemento só comparable á Revolución Francesa ou ben á Revolución Industrial, coa diferenza de que na que estamos a vivir os cambios se notan menos, pero son igual de drásticos. Isto percíbese na fonda transformación que están a sufrir o poder económico e o político, ámbolos dous cambiando de mans, o primeiro con novos actores entrando en xogo e novos xeitos de actuar (o caso de Facebook, por exemplo) e o segundo con millóns de persoas en todo o mundo uníndose para variar o rumbo político dos seus países, sendo o caso de Tunisia, Exipto ou Libia algúns dos máis salientables. “A Rede”, dixo, “axúdanos a estar mellor informados e a ser máis competitivos, ao que cómpre engadir as posibilidades que nos abre para facer negocio”.
Polo que respecta á segunda idea, Rodríguez Zapatero abriulle unha xanela ao futuro. Ao seu xuízo, o mundo que hoxe coñecemos non ten nada que ver co que veremos dentro de tres anos. As transformacións sucédense a ritmo de vertixe, e cómpre facer un esforzo de adaptación. Nunha situación coma esta, e de non afacernos ao proceso, a sensación que teremos de incomodidade ante o mundo que se renova será cada vez maior. Na súa opinión, cómpre acostumarse a estar “cómodos nun disconfort continuo”. De nada serve pensar polos demais ou crer saber o que pensan. A este respecto, considerar que as redes sociais non teñen nada que facer a prol dos negocios non é en ningún caso un bo punto de partida.
Para rematar e como terceiro punto clave a desenvolver, Rodríguez Zapatero fixo fincapé no gran potencial das redes como fonte de negocio. “É un mundo fantástico onde a oferta e a demanda están só a un clic de distancia, con 4.000 millóns de persoas como potenciais consumidores”. Na súa opinión, Internet dálle enerxía aos negocios ao tempo que os transforma, en boa medida porque é un mercado de nichos onde a xente procura todo o quere. “Somos moitas persoas á busca de moitas cousas miúdas”, subliñou, “o planeta vai cambiando e a revolución dixital ten as mesmas consecuencias cás revolucións previas”. Na súa opinión, o 85% do que facemos arestora farémolo complemente distinto nun breve prazo de tempo.
O director de Google España equipara en Santiago a revolución dixital cos grandes acontecementos da humanidade
Compartir Este Artigo
