
Neste caso concreto o punto de encontro é o portal galegolab.org, rede social de crowdsourcing (traballo colectivo para un obxectivo concreto que, sen contar coa Internet 2.0, tardaría máis en darse) dende a que se presentan diferentes proxectos de promoción para que sexan votados ou reciban os apoios que precisan.
Cómpre lembrar que esta web, posta en marcha o 20 de maio de 2010, xa recibiu recoñecementos ao longo da súa relativamente breve andaina, por exemplo o da Secretaría Xeral de Modernización, que premiou a GalegoLab polo desenvolvemento de contidos na categoría de promoción do Patrimonio e Lingua Galegas.
Até o de agora, o espazo en liña de GalegoLab xa conseguiu 831 usuarios rexistrados, aos que cómpre engadir o medio milleiro de seareiros en Twitter e os 2.382 de Facebook. No que atinxe ás ideas propostas para o pulo da nosa lingua onde máis se precisa, dicir que arestora contabilizamos 33. Entre as máis recentes e que atoparon meirande repercusión cómpre salientar a proposta para reactivar Flocos.tv, unha iniciativa da que dimos conta en Código Cero e que, tal e como se indica, encamíñase a conseguir co devandito servizo audiovisual galego o que recentemente tamén se acadou coa comunidade de información Chuza!, pechada polos problemas de mantemento que achegaba e agora plenamente en activo. Máis en detalle, a proposta de GalegoLab a prol de Flocos.tv consiste en pedirlles ás autoridades que teñan competencia nestas cuestións o rescate de todo o presentado ao abeiro de Flocos.tv, amais dos permisos para reproducir este legado. Unha vez que se volva por en marcha o espazo, iniciarase unha nova xeira de traballo na que autoras e autores audiovisuais poderán pendurar as súas pezas propias novas.
Polo que atinxe a proxectos xa rematados, a comunidade GaleboLab fixo posible o remate de catro. Son os seguintes:
· Pinchadas de música. Levouse a cabo o 4 de setembro en Vigo.
· A galega para 145 millóns de usuarios. Consistiu en colocar a etiqueta #galega como o tema do momento no Twitter a nivel estatal do 6 de outubro. Tivo unha segunda parte, na que se conseguiu este mesmo obxectivo.
· Asemade, conseguíronse tódolos recursos necesarios para 24 horas galego fullscreen, un certame de vídeos no que os participantes debían expresar como é a súa vida en galego ao longo dunha xornada.
GalegoLab fai reconto de logros con motivo da súa candidatura aos Mestre Mateo
Compartir Este Artigo
