Polo seu nome, Infounimiño, poderiamos pensar que se trata da mascota dun neno ou dun novo robot achegado pola Universidade de Vigo para axudarnos a desenvolver con éxito as tarefas máis pesadas do noso día a día; porén nada máis lonxe da realidade. Malia que tamén serve para axudarnos, Infounimiño é un centro de información web que nos achega información detallada sobre o espazo transfronteirizo de Galicia e o norte de Portugal, que ten como obxectivo inicial“permitir mellorar a toma de decisións das entidades implicadas no desenvolvemento da rexión”.
Trátase dunha web, desenvolvida pola Deputación de Pontevedra, que reúne información específica relacionada cos 16 concellos de Galicia e os 6 de Portugal que lindan co tramo final do río Miño e que constitúen a rexión de intervención de Infounimiño.
Esta rexión acada unha poboación de máis de 210.000 persoas (o 4,9 por cento de Galicia, e o 2,1 por cento da rexión Norte de Portugal) e unha superficie total de máis de 2.000 quilómetros cadrados.
Se ben a nivel europeo xa existen portais con información transfronteiriza, dende a devandita entidade pública aseguran que, “non acostuman a chegar ao nivel de detalle local do que dispón Infounimiño, xa que aqueles presentan informacións a nivel rexional (NUT-3) mentres que Infounimiño aumenta o seu nivel de detalle, presentando información máis precisa dos propios concellos da rexión”.
O portal inclúe diversos tipos de informacións e servizos de uso público. Unha das súas seccións principais achega todo tipo de información estatística da rexión en numerosos temas, tales como territorio, poboación, turismo, desenvolvemento social, educación…
Ditas informacións estatísticas preséntanse en forma de gráficos doados de comprender e sempre clasificadas tanto por temas como por ámbito xeográfico, e en niveis de detalle ou de resumo.
A web presenta, asemade, unha serie de seccións de fácil localización, tales como Directorios, Documentos ou Actualidade, que a convirten nunha ferramenta útil para calquera persoa interesada no eido transfronteirizo, con información do día a día e dos eventos que se van celebrar no ámbito xeográfico.
Asemade, esta información transfronteiriza de actualidade achégase en forma de boletín electrónico que, con periodicidade mensual, é enviado aos seus suscritores.
Completan esta ferramenta as seccións Participación, Ferramenta estatística e Máis información, que facilita recursos e servizos adicionais para os visitantes do portal que estean interesados na temática transfronteiriza nun sentido amplo.
En resumo, a misión de Infounimiño é, segundo informan dende a entidade precursora, “facer dos concellos do río Miño, unha referencia a nivel europeo no desenvolvemento local a través da cooperación, pública e privada, da valorización dos recursos naturais e culturais propios deste espazo territorial, da promoción da vocación turística do territorio, e do emprego intensivo das TIC como catalizadores dos procesos de desenvolvemento”.
Galicia e Portugal máis preto grazas á web Infounimiño
Compartir Este Artigo

