O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, anunciaron esta mañá nunha rolda de prensa na que interviñeron o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suáres, e o xerente de AGASOL, Luís Alberto Fernández, representantes das entidades que colaboran coa Xunta nunha serie de iniciativas formativas para impulsar o Proxecto ABALAR.
Grazas a un acordo asinado entre a Secretaría Xeral de Modernización, o CPEIG e AGASOL, levarase a cabo unha nova edición do Plan Navega con Rumbo, unhas xornadas divulgativas para que pais e nais coñezan o espazoAbalar e ofrecerase formación complementaria a docentes sobre os contidos dixitais que pon á súa disposición o Portal ABALAR. As tres iniciativas contan cun orzamento de 82.400 euros, que será financiado pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
O obxectivo do acordo é ofrecer actividades complementarias ás xa previstas no proxecto ABALAR, que permitan á comunidade educativa aproveitar ao máximo os recursos dispoñibles ao seu alcance.
Plan Navega con Rumbo
Tras o éxito da primeira convocatoria do Plan Navega con Rumbo en colaboración co Colexio de Enxeñeiros Informáticos unha segunda edición que chegará a 138 centros. Especialistas do Colexio achegaranse a estes centros onde impartirán charlas divulgativas dunha hora de duración nas que se ensinará aos escolares a navegar por Internet de forma útil e responsable, implicando tamén aos profesores. Ao remate das xornadas editaranse 22.000 Guías de Boas Prácticas en Internet para alumnos, familias e profesores. Ademais, esta iniciativa conta cunha páxina web de seu, onde está dispoñibles todo a información do proxecto.
Coñece o espazoAbalar
Coa finalidade de informar aos pais sobre todas as funcionalidades do espazoAbalar, o CPEIG realizará unhas xornadas divulgativas sobre este portal para que os pais lle poidan sacar o máximo partido. Paralelamente, realizarase outra xornada destinada aos profesores de cursos ABALAR para amosar a utilización deste espazo nas súas clases e na comunicación cos pais. Cada unha destas xornadas terá unha hora de duración e realizaranse un total de 220 repartidas noutros tantos centros públicos ABALAR.
Formación Práctica dos contidos Dixitais
A terceira actividade prevista consiste na realización dunhas xornadas que complementen a formación que están a recibir os docentes ABALAR. Estas actividades estarán estruturadas en dúas partes, formación técnica que permita aos profesores mellorar no uso das tecnoloxías nas aulas e formación sobre o uso práctico dos contidos dixitais que ofrece o espazoAbalar, e as vantaxes que lle reporta. Esta parte da formación incluirá exemplos prácticos de como impartir unha clase empregando estes recursos.
O material divulgativo destas xornadas, impartidas por membros do CPEIG, será elaborado pola AGASOL. Realizaranse un total de sete xornadas cunha duración de 50 horas cada unha.
| Declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, durante o acto desta mañá. |
