Os máis de 6.000 alumnos e alumnas matriculados nas escolas de enxeñaría que ten a Universidade de Vigo nos seus campus de Pontevedra e da cidade onívica, non deixaron pasar a oportunidade que lles brindou a entidade académica para establecer o seu primeiro contacto co mundo laboral, a través do 11 Foro Tecnolóxico de Emprego, que dou comezo onte.
Este Foro Tecnolóxico é unha cita anual clave para os futuros enxeñeiros e enxeñeiras do noso país, e nel, o alumnado asistente tivo un primeiro encontro coas técnicas da Oficina de Orientación ao Emprego (OFOE), Reyes Fernández e Mertxe Inza, as cales achegaron datos relativos ao segundo estudo realizado por este organismo sobre o eido laboral.
Do informe presentado pola OFOE extráese que “o ámbito tecnolóxico representa o 55,11 por cento das ofertas de emprego xestionadas pola entidade, desde o 1 de abril de 2010 ata o pasado 15 de marzo”, e que “dentro das enxeñarías, a Industrial é o perfil máis buscado por toda a industria debido ao seu perfil versátil e á súa capacidade para desenvolver tanto funcións de oficina como a pé de campo”.
O encontro coas técnicas da OFOE foi a primeira cita dun programa que se vai estender ao longo de toda a semana na Universidade de Vigo, e que supón o desembarco no campus de 23 empresas de primeira liña internacional, entre as que destacan Repsol, R, Alcoa, Babel ou Egatel, entre outras, as cales aproveitarán estes días “para facerse cunha boa carteira de currículos das novas fornadas de enxeñeiros”, aseguran dende o DUVI.
Dos datos achegados polo OFOE nesta xornada tamén se extrae que “o teletraballo gaña posicións acadando xa arredor do 5 por cento das ofertas de emprego”. Un dato representativo do novo punto de mira das empresas do sector.
Esta primeira cita tamén serveu para que os alumnos e alumnas asistentes coñeceran de primeira man o modo de crear empresas técnicas especializadas en iniciativas de base tecnolóxica, unha experiencia para a que, a xuízo das técnicas “hai que ter moita motivación e carácter emprendedor e unha boa idea de negocio”.
Arranca en Vigo o 11 Foro Tecnolóxico de Emprego para enxeñeiros
Compartir Este Artigo

