Hai empresas que o saben, e outras que non: o único obxectivo dunha compañía non é nin debe ser nunca facer beneficio. Isto é aplicable a outros moitos ámbitos deste tecido económico neoliberal no que nos tocou vivir, só deste xeito, pensando no interese de todas e todos antes de lanzarnos a facer negocio con algo ou alguén, conseguirase que o negocio perdure. Cousa paradoxal. Sobre estes eixes da comunicación e a xestión responsable móvese unha nova web no panorama dixital galego, falarse.com, páxina concibida como un xornal dixital e que se dirixe a abranguer información de valor sobre unha práctica que debera ser prioritaria nas empresas e institucións: a práctica de pensar non só nelas mesmas senón tamén na calidade de vida dos que traballan no seu seo e da sociedade por enteiro.
“Trátase do primeiro xornal en liña galego especializado neste eido”, coméntanos Beatriz Lorenzo, directora editorial deste novo medio, dende a páxina en cuestión, á que queren converter nun espazo referencial de consulta arredor das políticas sociais, sendo de utilidade para as empresas, as institucións do sector público e o terceiro sector sobre cadanseus camiños estratéxicos neste terreo. Coincidindo coa súa posta en marcha, e anunciando así cales van ser as súas liñas de actividade principais, falarse.com achega un especial sobre finanzas e responsabilidade social que se estrea cunha entrevista a Miguel Bermejo, que é o responsable nesta materia da entidade Novacaixagalicia.
O artigo, por certo, serve de recurso comunicativo para visualizar a preocupación principal da páxina web: acadar un panorama económico e político máis sustentable e máis respectuoso coas persoas, estean ou non directamente implicadas. Bermejo desmárcase de quen avoga pola busca do negocio a toda costa: “O cambio cultural que potencia a visión socialmente responsable da xestión tradúcese na busca do necesario equilibrio entre as contas de resultados financeira, social e ambiental que xera a actividade, de modo que se aspire a alcanzar en todas elas o limiar de rendibilidade”.
En marcha o xornal galego en liña sobre responsabilidade social
Compartir Este Artigo
