Unha das novidades que o Bloque Nacionalista Galego ten preparadas para os vindeiros comicios municipais do 22 de maio ten que ver directamente coas novas tecnoloxías e, máis polo miúdo, con aquelas que están feitas para mover á participación e acadar unha comunicación máis directa. Falamos das redes sociais, as 2.0. Segundo avanza Xornal e o propio partido galego dende a súa páxina web, esta arela do BNG de tirar o máximo partido do tecido 2.0 e promover así o seu ideario e os seus candidatos materializarase a través dos ciberbloqueiros, que é como o partido define aos candidatos ás alcaldías que fan política participativa en liña. Estas estratexias, que serán dadas a coñecer este venres previamente á convención electoral do partido, no Palacio de Congresos de Santiago, pasan de xeito inevitable polo emprego a esgalla de servizos como o Facebook ou Twitter.
A idea dos nacionalistas galegos é tirar proveito desta face da Rede (especialmente útil para acadar a transmisión dunha mensaxe, o debate arredor dela ou o anuncio de todo tipo de citas e convocatorias) para facer campaña política. En termos máis concretos e segundo apuntan fontes do BNG, estes servizos acáenlle ben á vontade do partido de facer campaña “horizontal” e directa. Para facérmonos unha idea do que se pretende, está previsto que a xuntanza de hoxe sexa relatada e comentada polos ciberbloqueiros a través de cadanseus espazos nas redes sociais.
O BNG presenta aos seus ciberbloqueiros
Compartir Este Artigo
