O Bloque Nacionalista Galego centrará unha boa parte da súa actividade electoral, de cara aos vindeiros comicios municipais, nas novas tecnoloxías da información. Máis polo miúdo nas principais redes sociais, as versións dixitais dos tradicionais foros de debate e análise pública. Nelas, o BNG concorrerá a fondo coa súa rede de ciberbloqueir@s, unha iniciativa presentada este sábado no limiar da Convención Electoral do partido. Para facer visible o miolo da iniciativa, e explicar ao mesmo tempo en que consiste, os membros da rede deron conta da xuntanza a través dos seus respectivos espazos persoais en Twitter e Facebook. Foron máis de 100 os ciberbloqueir@s participantes, militantes e/ou candidatos municipais.
Nestes espazos, por certo, tamén informarán de continuo da actividade preelectoral do partido. Segundo informa o BNG facendo referencia ao acadado na Convención Electoral do sábado a través deste seguimento 2.0, dende o comezo do encontro, ás 11.30 horas, ata preto das dúas da tarde houbo 754 “tuiteos” (Twitter) e o chío (Facebook) con máis audiencia chegou a 2.000 usuarios. “No encontro coa mocidade”, engaden fontes do partido nacionalista, “dúas pantallas permitían visualizar en todo momento os perfís de Facebook dos candidatos e candidatas intervintes, así como a páxina de seareiros do BNG e os distintos “tuiteos” que narraban o que ía acontecendo”.
Os nacionalistas estrean a súa rede de candidatos 2.0
Compartir Este Artigo
