O Festival Internacional de Documentais Play-Doc de Tui, un dos máis innovadores certames do noso panorama audiovisual, abriu este mércores as súas portas cun acto institucional no que participou o gaiteiro galego Carlos Núñez, quen acudiu ao certame por partida dupla: na súa faceta de músico e como protagonista de Brasil somos nós, o documental que relata o proceso creativo do seu último disco. No acto de apertura tamén participaron activamente os directores do festival galego, Ángel Sánchez e Sara García, que afondaron nas moitas vantaxes de participación e promoción que achega o Play-Doc, sobre todo na súa vertente de exploración de formas diferentes de facer e ver cinema, formas que lle acaen especialmente ben a un xénero tan en proceso de desenvolvemento como o documental. Ao seu xuízo, Play-Doc “constitúe un festival de proporcións pequenas no que ocorren cousas moi grandes”, concluíu García.
O certame chega agora aos seareiros do audiovisual logo de pasar por certas dificultades, sobre todo ligadas ao orzamento. De feito, segundo sinalaron os seus responsables na gala de apertura, ata se pensou en cancelalo. Con todo, conseguiron sacalo adiante grazas apoio dado polas institucións, ás que sen embargo aproveitaron para pedir máis compromiso neste tipo de eventos de promoción da nosa cultura, uns eventos nos que as empresas tamén teñen moito que dicir e que colaborar. O acto de apertura tivo lugar no Teatro Municipal de Tui, que ficou ateigado de asistentes (un milleiro, que é o aforo completo). Logo das presentacións propiamente dita e da proxección do filme sobre Carlos Núñez, abriuse a sección oficial co filme do galego Oliver Laxe Todos vós sodes capitáns. A película, gañadora en Cannes do premio Fipresci, abriu unha sección oficial “na que once títulos chegados de todo o mundo, e que supoñen unha selección das últimas tendencias do mellor cinema documental contemporáneo, competirán por premios con valor de 7.000 euros ata o 3 de marzo”, infórmase.
Play-Doc abre as súas portas á procura da experimentación audiovisual
Compartir Este Artigo
