Hai agora un ano, máis ou menos a mediados do mes de abril, en Código Cero facíamonos eco dunha nova que daría moito que falar nas redaccións de todos os medios pola súa utilidade: o nacemento de ikiMap, un servizo galego de balde para xerar e compartir mapas online.
Esta ferramenta, creada pola empresa galega Sixtema, permítelle á comunidade internauta (profesionais ou afeccionados) compartir información cartográfica relevante a través da nube, e só no seu primeiro mes de vida, congregou a máis de 400 usuarios.
Agora, un ano despois, esta plataforma galega conta xa con máis de 5.000 usuarios rexistrados que xeraron preto de 12.000 mapas; e para celebralo, ikiMap lanza o concurso Map & Win, a través do cal, os usuarios que publiquen os seus mapas na plataforma dende o 7 de abril ao 22 de maio, poderán optar a gañar un iPad 2.
Os mapas creados entre esas datas serán valorados “segundo a súa orixinalidade, información que aporta, ou acabado estético”, por un xurado composto por Jaime Novoa (editor de Genbeta), Alejandro Polanco (editor de La Cartoteca), Diego Fraga (editor de Bitelia), Manuel Gago (editor de Capítulo Cero) e Alejandro Lamas (CEO de ikiMap).
Cada usuario rexistrado poderá crear tantos mapas como desexe, coa vantaxe de que cantos máis envíe, máis posibilidades terá de facerse coa última versión do prestixioso trebello de Apple.
ikiMap celebra o seu primeiro aniversario regalando un iPad 2
Compartir Este Artigo

