A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), na súa teima por homenaxear ás figuras máis destacadas da comunidade científica do noso país, cunha celebración que segundo afirman “pretende chegar a ter a mesmo nivel có Día das Letras galegas”, vai celebrar, o vindeiro 26 de abril, a IV edición do Día do Científico Galego, que este ano homenaxeará a Ramón María Aller Ulloa.
Nesa data, de referencia xa para a comunidade científica da nosa Comunidade, a RAGC vai difundir a contribución de Aller neste eido, para que, nas súas palabras, “a opinión pública poida percibir o prestixio actual que ten acadado a investigación en Galicia”.
A celebración do Día do Científico Galego tamén ten como obxectivo transmitirlle á sociedade “a necesidade de investir recursos na investigación científica, para que o seu potencial sexa cada vez maior de cara ao futuro”.
A elección do astrónomo Ramón María Aller Ulloa, foi abrobada por unanimidade polo pleno da RAGC con base “no seu papel como introdutor da Astronomía como disciplina científica en Galicia e iniciador dunha escola importante de investigadores neste campo de coñecemento”, aseguran.
Este ano, a Fundación Pedro Barrié de la Maza, a través da súa acabada de estrear, Área de Investigación e Educación, súmase á celebración do Día do Científico Galego colaborando coa RAGC na súa difusión entre a comunidade escolar.
Ramón María Aller, homenaxeado no Día do Científico Galego
Compartir Este Artigo

