Este venres, 15 de abril, a Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación vai celebrar unha nova edición do seu habitual Foro de Ineo, que desta volta levará por título, Modelos de referencia e normas de calidade dentro do sector TIC, e no que se abordarán os diferentes aspectos relacionados coa calidade nas empresas TIC, como as vantaxes de certificarse, as referenciais e normas existentes… así como as pautas a seguir para desenvolver un proceso de implantación.
O acto, que organiza en colaboración con APCER (Asociación Portuguesa de Certificación), terá lugar no Edificio de Oficinas do Consorcio da Zona Franca de Vigo, entre as 09:30 e as 11:30 horas, e contará coa participación de varias empresas TIC galegas e portuguesas, que se certificaron en distintas normas e que exporán o seu particular caso de éxito.
En concreto, o evento contará cos relatorios de Javier Regueira Serrano, xerente de Lambda CT, que falará sobre Modelos de referencia e normas de calidade dentro do sector TIC; e do director de Sistemas de EDNON, Ricardo Rodríguez, entre outros, quen achegará o seu particular caso de éxito.
A asistencia a este Foro é de balde para tódolos socios de Ineo porén ten un custe de 25 euros para o resto das persoas interesadas.
A inscrición debe formalizarse enviando un correo electrónico a comunicación@ineo.org, ou ben chamando ao 902 905 510, indicando o nome e apelidos da persoa que desexa asistir.
Ineo analiza este venres as normas de calidade do sector TIC
Compartir Este Artigo

