Hoxe abre as súas portas na Coruña o meirande centro comercial e de ocio de toda España e o terceiro de Europa, o Marineda City, que segundo os seus responsables “aspira a atraer a uns 15 millóns de visitantes ao ano”.
Unha área comercial destas características, cunha superficie de 197.000 metros cadrados, e con semellante afluencia de xente, precisa que os puntos de información sexan interactivos e que orienten aos visitantes da maneira máis precisa posible.
Disto encárgase Emetel, unha compañía galega especializada en sistemas de redes e comunicación, que foi a encargada de deseñar e xestionar tódolos postos de información multimedia do Marineda City.
En total, a compañía instalou 14 postos espallados pola superficie comercial, que achegan información de maneira doada e clara, que facilitan a visita ao Marineda.
Os postos de información articúlanse baixo un menú no que se poden levar a cabo diferentes búsquedas: por nome, comprobando na listaxe alfabética das tendas habilitadas ou ben por disciplinas; obtendo o resultado tanto en castelán como en galego.
Cada posto está composto por unha pantalla táctil de gran tamaño (42 polgadas) na que se achega información tanto da superficie comercial como das plantas do parking subterráneo e dos servizos dispoñibles en cada planta. Asemade, cada posto de información sinala no mapa a ubicación do mesmo e, unha vez seleccionado o servizo que se está a buscar, o sistema indica a ubicación na planta na que se atopa e tamén como chegar ata el.
Estes postos de información multimedia únense ao resto de servizos que Emetel desenvolveu para Marineda City, entre os que se atopan o despegue dos sistemas de seguridade e control do complexo: circuito pechado de televisión, control de accesos, seguridade intrusión, megafonía e radiocomunicacións.
A proba os puntos de información multimedia do Marineda City
Compartir Este Artigo

