
Agárdase que a nova Wii vexa a luz no E3 que terá lugar en Los Angeles a primeiros de xuño, confirmándose os rumores das últimas semanas, entre os que se apunta non só o futuro nome da consola (Nintendo Stream, froito do Project Café) senón tamén características como que soportaría alta definición a 1.080p grazas a un potente procesador GPU AMD R700, tería unha potencia superior ás actuais Xbox 360 e PlayStation 3, o seu mando podería integrar unha pantalla táctil e aínda que estaría preparada para as 3D, non sería unha prestación chave como na Nintendo 3DS (pola reducida presenza nos televisores 3D nos fogares).
De todos os xeitos hai que admitir que os resultados financeiros de Nintendo eran previsibles, e agárdase unha importante mellora durante o presente ano grazas ao lanzamento da súa nova consola portátil, que axudará a revitalizar o sector e, de feito, Nintendo continuará centrando os seus esforzos en achegar un sólido catálogo de xogos á 3DS, entre os que estarían grandes xogos como un novo Mario Kart.
Shigeru Miyamoto tamén vén de participar nun evento para a prensa en Londres, onde asegurou que o Super Mario 3DS será un xogo que mesturará elementos de Super Mario Galexy e Super Mario 64, no que parece que será un éxito seguro e podería estar rematado este mesmo ano. Tamén teremos que agardar ao E3 para saber máis dos novos xogos de Mario.
A Wii terá sucesora en 2012
Compartir Este Artigo

