
Unha das principais características desta iniciativa, alén da loita polo galego que xorde do seu seo empregando as máis diferentes canles tecnolóxicas, é o feito de que fai uso da metodoloxía do crowdsourcing, circunstancia moi valorada polo xurado dos Mestre Mateo polo que ten de actividade social, participativa e aberta a todo tipo de propostas, ben sexan procedentes de membros da plataforma ou de outros colectivos.
A web foi posta en marcha en maio de 2010, e ao longo da súa andaina xa foi obxecto de recoñecementos previos, un deles da man da Secretaría Xeral de Modernización, que valorou a importancia do proxecto para o desenvolvemento de contidos en Internet que favorecen a preservación e promoción nas redes do noso patrimonio.
Volvendo aos Premios Mestre Mateo e a categoría de Obra Interactiva, salientar que entre os finalistas tamén puidemos atopar outras iniciativas tecnolóxico-culturais que abren interesantes camiños para o noso desenvolvemento futuro nas redes, como por exemplo Contoplanet (contos en galego para aparellos de Apple achegados por Galaxia e El Perro Verde), Eufalo.tv (proposta de A Navalla Suíza para ilustrar a situación da lingua galego a través da participación en liña) e máis O soldadiño de chumbo para iPad (estrea de Galaxia que inaugura a súa serie Contos de Cinema).
No que se refire á mellor curta de ficción, a gañadora foi Xoel y los X-Men. Na modalidade mellor curta de animación, impúxose Gato encerrado, de Maria Helena Varela e Silvina Cornillón. En mellor obra experimental fíxose co primeiro premio a peza Manuscritos Pompenianos, de Marcos Nine, e en mellor achega de publicidade gañou Orgullosos do Galego, de Filmanova.
A plataforma GalegoLab, recoñecida polo noso audiovisual
Compartir Este Artigo
