Miguel Ángel Davara, catedrático de Dereito Informático, estivo este martes en Santiago, no marco das xornadas As Relacións da Empresa coa Administración Electrónica do CPEIG, para amosar o seu concepto propio de eAdministración ideal: un escenario dixital e comunicativo que sexa coma unha mesa con tres patas ou piares, firmes de abondo como para asegurar que se dea acubillo a tódolos nosos dereitos. Na súa opinión, estes piares fundamentais son: a protección de datos, a autentificación electrónica e a formación do funcionariado. Tres ámbitos nos que están a traballar, e nos que deben traballar aínda máis, os informáticos e os xuristas.
Davara, que comezou a súa intervención nas xornadas (emprazadas na Facultade de Económicas de Santiago e abertas ata o xoves) lembrando as súas raizames galegas (o seu pai era galego, máis polo miúdo da Coruña), fixo xirar unha parte importante do seu relatorio arredor do concepto da interoperabilidade que se lle esixe a un escenario onde os cidadáns e as administracións se comuniquen electronicamente. Dito para que se entenda: a interoperabilidade é en certa maneira o real entendemento que debe haber entre un interlocutor electrónico e outro.
Davara, un dos grandes especialistas españois en materia de Dereito ligado ás TIC (autor de ducias de libros sobre a materia), manifestou que é preciso que a sociedade comprenda que hoxe xa non só se nos garante o acceso ás canles da Administración Electrónica, é que se nos obriga a facelo. As razóns básicas deste escenario xiran arredor da necesidade de superar barreiras (físicas, territoriais ou operativas) para acceder aos servizos da Administración. Nun plano máis concreto, a dixitalización dos procesos tradicionais de comunicación e tramitación coas institucións favorece a vida pública das persoas con diversidade funcional ou de quen vive lonxe do escenario físico da administración. Por exemplo, unha persoa que reside nun concello que non é aquel no que traballa, véndose imposibilitado de acceder plenamente aos servizos públicos do lugar no que reside. “Isto pasa moito en Madrid”, sinalou, “e supoño que en Galicia tamén pasará”. E engadiu, tamén ao fío das barreiras: “No meu caso, póñenme moi nervioso as fileiras diante dunha oficina ou sede administrativa, e para evitar isto tamén serven as novas ferramentas”. As canles son moitas e variadas: teléfono, Rede, SMS, MMS, TDT. Sobre esta última tecnoloxía, puntualizou, cómpre que a teñamos en conta como unha posibilidade máis, á que lle podemos tirar partido para, por exemplo, verificar un procedemento sancionador entremedias dun programa interrompido pola publicidade.
No caso da Administración Electrónica, coma noutros moitos, cómpre que obremos con sentido común e sexamos realistas, engadiu Davara. A tecnoloxía é necesaria, engadiu, pero en ocasións non é legal e móvese nuns límites que precisan de asesoramento cara a quen achega ou usa esa tecnoloxía. Asemade, tamén se precisa da confianza, que sería o cuarto piar da mesa dixital: a confianza entre a cidadanía para rematar con esa teima que temos de fuxir do descoñecido e coa típica frase “eu non fago nada por Internet porque non quero deixar os meus datos persoais aí”. A solución pasaría por moverse nunha liña ben fina a medio camiño entre a confianza e o espírito crítico. “Cómpre que creemos seguridade, pero tendo en conta que esta é unha gran mentira, non existe, o único seguro é que imos morrer todos, pero cómpre chegar a un nivel alto da mesma aínda que sexa imposible cumprir a norma ao cen por cen”, engadiu. Na súa opinión, hai normas coma estas que nacen para non ser cumpridas, pero que se non cumpres serás obxecto de sanción. Para entender este punto, comentou, nada mellor que albiscar o que acontece no Paseo da Castellana de Madrid, unha vía onde se tomamos a decisión de ir a 50 quilómetros por hora seremos obxecto de insultos dende tódalas frontes, mesmo dende os gardas. Pola contra, se imos a 70 ou a 80, perderemos puntos no noso carné.
Cousas a ter en conta sobre a lei
Estas e outras cuestións expostas por Davara tiveron como eixes fundamentais o dito concepto de interoperabilidade e máis concretamente a Lei 11/2007 de acceso dixital dos cidadáns aos servizos públicos, da cal se desprenden varias cuestións importantes: que podamos usar as TIC para exercer tódolos nosos dereitos, que non nos vexamos na obriga de presentar documentos de identificación e autentificación en todas e cada unha das administracións coas que nos interrelacionemos, e que todos estes procesos sexan de natureza dupla. É dicir, que ao mesmo tempo que en virtude da sinatura electrónica nós dicimos que somos quen somos, a administración deberá facer o mesmo.
Asemade, sinalou, “calquera desenvolvemento tecnolóxico que se realice na Administración pública debe ter presente, cando afecte directamente a dereitos dos cidadáns, a necesaria cooperación entre Administracións públicas”, xa contemplada na devandita Lei de acceso.
O relator tamén fixo mención das achegas neste senso da Comisión Europea, que xa indicou que a interoperabilidade é unha ferramenta clave xenérica na Administración electrónica. Para Davara, a interoperabilidade debe ser entendida como “a capacidade dos sistemas de información e dos procedementos aos que estes dan soporte de compartir datos e posibilitar o intercambio de información e coñecemento entre eles, xa que doutro xeito non sería posible cumprir co mandato lexislativo relativo ao dereito do cidadán a non achegar datos e documentos que obren en poder das Administracións públicas”.
Programa do mércores día 4 das xornadas de eAdministración do CPEIG
09.00 h. Contratación electrónica nas entidades locais
Jesús Rodríguez Castro
Xefe de Informática do Concello de Santiago
10.0 h. Contratación electrónica na Xunta de Galicia
Elena Barba Pan
Secretaria xeral da Xunta Consultiva de Contratación
Administrativa.Xunta de Galicia.
12.30 h. A facturación electrónica da Xunta de Galicia
Mauro Fernández Dabouza
Director do CIXTEC
16.30 h. Mesa redonda
A Administración electrónica e a informatización das cooperativas
Manuel Botana Agra
Director do CECOOP USC
Higinio Mougán Bouzón
Xerente de AGACA
Ana Rosa Lorenzo Vila
Federación de Cooperativas Sinerxia
Xoán Concheiro Aval
Subdirector Xeral de Cooperativas e Economía Social. Xunta de Galicia
José Antonio Montero Vila
Avogado
