Sony non remata de saír dunha para caer noutra, e tras anunciar o pasado domingo que esta semana restaurarían o servizo da PlayStation Network tras unha intrusión informática que forzou o peche durante un par de semanas, este luns sorprenderon anunciando o apagado dos servidores de xogo de Sony Online Entertainment (SOE), unha plataforma de xogo en liña que permite o funcionamento de títulos para PC e PS3 como DC Universe Online, FreeRealms e EverQuest II, pois descubriron outra intrusión na que roubaron os datos persoais dos seus usuarios e unha base de datos de 2007 na que figuran 12.700 números de tarxeta de crédito coas súas datas de caducidade e 10.700 números de contas bancarias de usuarios en Alemaña, Austria, Países Baixos e España (ao parecer, habería 114 tarxetas e 60 contas bancarias afectadas en España).
Seguindo os pasos do anterior incidente, dende Sony encargaron a unha compañía allea a investigación do acontecido e tomarán distintas medidas para modificar a súa infraestrutura e dotar á información persoal dos usuarios dunha maior protección. Tamén recomendan aos afectados que vixíen as súas contas bancarias ante actividades sospeitosas.
O número de contas de usuario expostas pola intrusión nos servidores de SOE ascendería a uns 24,6 millóns, o que xunto co ante aos servidores da PlayStation Network supera os 100 millóns de contas de usuario afectadas, deixando a Sony nunha situación realmente mala de cara aos seus usuarios, que ven minada a súa confianza na compañía nipona.
Rouban os datos de usuario dos servidores de Sony Online Entertainment
Compartir Este Artigo

