
Falamos dunha das intervencións máis agardadas, a de Jesús Rubí, adxunto ao director da Axencia, quen fixo un percorrido por como nos afecta a reforma recente da LOPD, a Lei Orgánica de Protección de Datos, un regulamento que xorde directamente do seo da AEPD.
Máis polo miúdo, o experto abordou as reformas introducidas pola Lei 2/2011, de 4 de marzo, de Economía Sustentable no réxime sancionador da LOPD.
O relatorio de Jesús Rubí, tal e como el mesmo fixo saber, non participou exactamente da temática establecida nas xornadas, cómo lles afecta ás empresas a eAdministración, pero xirou arredor dunhas cuestións de forma sobre esta concorrencia das empresas no tecido dixital. Dito doutro xeito: serviu para que teñan en conta unha serie de normas a seguir nos procesos cada vez máis inevitables de achegar e recibir datos electrónicos.
A maiores, Jesús Rubí ofreceu un completo repaso polas novidades recentes aplicadas no regulamento da protección de datos, sendo os obxectivos básicos destas novidades os de incrementar a seguridade xurídica. De que xeito? Pois a xuízo de Rubí, comezando por unha mellora no establecemento de tipos de infracción con respecto a norma previa, máis xeralista e indeterminada. Asemade, melloráronse as sancións cara a vulneración dos deberes de seguridade da información, aplicándose un réxime máis homoxéneo.
Xa nun eido máis concreto, outro aspecto que se modificou foi o da contía das sancións aplicables a infraccións leves (900 a 40.000 euros) e das graves (40.000 a 300.000). A maiores, incrementáronse os cribeiros de graduación ou atenuación das multas, facendo a lei máis flexible e dando marxe para as circunstancias particulares de cada caso. Rubí explicou neste senso que a Axencia xa perfilara previamente criterios para axustar as sancións a cada caso, pero non había unha obxectivización clara e os procesos botaban man da procura de precedentes.
Entre os criterios de graduación, Rubí salientou algúns de especial importancia como o carácter continuado da infracción (canto máis se prolongue unha teima de vulneración, maior será a multa), a actividade do infractor (que pode ter máis ou menos coñecemento da lei) ou o volume de negocio. A xuízo de Rubí, non sería moi xusto que se levasen á práctica idénticos baremos con respecto a un negocio pequeno, non TIC, como unha perruquería, que a outro máis afeito a estas consideracións como unha operadora.
Polo que respecta aos criterios de atenuación, que baixan a escala da gravidade, Rubí enumerou –entre outros- os seguintes:
· Cando se aprecie unha cualificada diminución da culpabilidade do imputado (unha traxectoria previa sen infraccións, volume de negocio baixo, etc).
· Cando a entidade infractora regularice a situación irregular de xeito dilixente.
· Cando se vexa que a conduta do afectado puidera inducir á comisión da infracción.
· Cando se dea un proceso de fusión por absorción ou a infracción fose previa ao dito proceso, non sendo imputable á entidade absorbente. Isto, sinalou Rubí, pasa moito no sector das telecomunicacións, cunhas empresas que non fan os deberes sendo mercadas ou establecendo alianzas con outras que si que os fan, contaminándose estas últimas.
O apercibimento
Entre as medidas novas incluídas na normativa que foron avaliadas por Jesús Rubí, cómpre salientar un elemento destinado a crear seguridade ao tempo que se asegura a vitalidade e o dinamismo do sector produtivo, a súa substentabilidade. Viría a ser algo así como a “tarxeta amarela” do fútbol, advertencia non sancionadora exclusivamente aplicable só a casos leves ou graves, non así os moi graves, que xa serían obxecto dunha “vermella”. Este apercibimento, así se coñece, é enviado pola Axencia para convidar ás entidades que cometen infraccións a variar e corrixir os seus comportamentos de vulneración dos dereitos de protección de datos.
Estes procedementos cobren un abano amplo de infraccións e, malia que aparentemente poidan conducir a unha observación menor das normas, nada máis lonxe da realidade, sinalou Rubí. En ocasións, unha advertencia é máis produtiva e beneficiosa para todos que o propio feito de multar. De feito, “estes e outros cambios na norma non van dirixidos a traer unha relación maior, a esixencia segue igual”, manifestou o relator.
Xornadas sobre eAdministración
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, en colaboración coa Xunta de Galicia, organizou ao longo de tres días a xornada As Relacións da Empresa coa Administración Electrónica. Colaboraron na iniciativa a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e o Centro de Estudos Cooperativos (CECCOP).
Funcionariado, empresariado e público en xeral achegáronse á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago, lugar onde se celebrou o foro, para resolver as súas dúbidas e intercambiar experiencias. Durante as xornadas, un amplo número de expertos uniron as súas distintas visións para abordar a Administración electrónica desde o punto de vista do acceso da cidadanía aos servizos públicos, a contratación, a facturación, a protección de datos ou a informatización das cooperativas, entre outras cuestións.
