
Por unha banda, o ascenso imparable do blog loispereiro.blogaliza.org, caderno centrado na figura do autor e das súas repercusións culturais e que arestora pode gabarse xa de ter recibido ao longo dos últimos catro meses un total de 70.000 visitantes, en boa medida procurando información sobre as diferentes actividades convocadas con motivo da homenaxe a Pereiro. O blog, que recentemente foi obxecto de importantes melloras (cun formato máis visual e contidos e formatos ampliados), foi posto en marcha para dar conta de todo que se publica e se organiza arredor do autor de Conversa ultramarina. A día de hoxe, ten preto de mil seareiros no seu espazo específico no Facebook.
Amais de todo o devandito, o caderno é un emprazamento para tódalas persoas que queiran afondar na traxectoria de Pereiro, onde amais dos contidos sobre a súa vida e a súa obra poderán atopar todo tipo de material de acceso libre para usos non lucrativos.
A maiores destas novidades acerca da bitácora Loispereiro, dende Xornal.com informan da inclusión no catálogo da editorial Small Station Press, dirixida por Jonathan Dunne, da tradución ao inglés dunha escolma da obra de Lois Pereiro, baixo o título Collected Poems by Lois Pereiro. Este material, xa accesible na web do selo literario por un prezo de 14 euros, foi posible grazas aos esforzos do propio Jonathan Dunne, quen considerou fundamental impulsar a divulgación da obra do poeta monfortina, tanto polo calidade do seu legado como pola súa vocación internacional, transcendendo as fronteiras da nosa terra cunha chega de referentes universais que non é posible deixar de lado.
Medra o interese na Rede sobre a figura de Lois Pereiro
Compartir Este Artigo
