O Grupo Vitelsa, empresa española con sede en Santiago centrada en tecnoloxía audiovisual e das comunicacións, vén de desenvolver un interesante proxecto dixital na Facultade de Comunicación da Universidade de Compostela. Trátase do deseño e posta en marcha dun plató virtual 3D en alta definición acompañado do seu obrigado centro de realización. A infraestrutura, xestionada pola Plataforma para a Innovación e a Experimentación en Contidos Dixitais da USC (CIDUS), non é realmente nova. De feito, o inaugurada o pasado mes de xaneiro de 2011 coa primeira edición do Curso Internacional Brainstorm de Escenografía Virtual Avanzada, unha actividade organizada pola devandita Plataforma que contou coa presenza de operadores e profesionais dos novos deseño e comunicación dunha manchea de países (Brasil, España, Reino Unido, México, etc).
O proxecto deseñado por Vitelsa, tal e como nos conta agora en detalle a propia empresa responsable deste desenvolvemento, integra infraestrutura de audio e vídeo dixital de última xeración, amais de incluír un “fondo acondicionamento acústico e térmico previo do emprazamento elixido para adaptalo á súa nova función”.
Máis en detalle, incorpora entre outras moitas cousas un ciclorama infinito de 55 metros cadrados (gravación chroma-key en 2D e 3D), cámaras ENG Sony con trípode e sensorización a medida e software Brainstorm eStudio para escenografía virtual en tempo real (realizando gravacións en 2D, 3D e 3D estéreo en alta definición con escenografía).
O centro de produción, engade a empresa, intégrase de xeito completo coa mediateca dixital Mediabox que achega servizo ao Servimav, o Servizo de Medios Audiovisuais da Universidade de Santiago, tamén subministrada por Vitelsa Noroeste. “Este sistema permite a catalogación, arquivo dixital e consulta remota dos contidos audiovisuais producidos no eido universitario, actuando como repositorio dixital centralizado de tódolos contidos producidos nos diferentes campus e facultades e alimentando múltiples canles de distribución de contidos, tales como a Web TV da Universidade, canles internos ou eventos”, sinala a compañía nun comunicado.
Vitelsa enumera as características do centro de produción virtual en 3D da USC
Compartir Este Artigo
